A Agrupación Socialista da Estrada informa que o venres 17 de abril, terá lugar a presentación pública da candidatura de José Antonio Dono para as vindeiras eleccións municipais de maio. O acto de presentación, ao que se convida a todas e todos os estradenses, realizarase no Teatro Principal ás 21.30 h.
“Con esta presentación pública, eu e o meu equipo, abrimos as portas do noso proxecto á cidadanía para que todos os veciños e veciñas, así como as asociacións e colectivos, interesados en colaborar no proceso participativo de elaboración do programa o poidan facer. Quedando dende ese mesmo momento a disposición dos estradenses para compartir e debater as propostas que os socialistas executaremos dende o goberno municipal na vindeira lexislatura electoral”, afirmou o candidato José Antonio Dono.
A candidatura socialista, aprobada a mediados do mes de marzo, por unanimidade polos militantes estradenses incorpora ao proxecto local xente nova, conxugando experiencia e renovación, persoas con ampla formación e experiencia laboral. Está configurada dando igual representación a mulleres e homes e concedendo representación aos veciños do casco urbano e das parroquias. “Trátase dun equipo con ilusión e ganas de traballar para ofrecer aos veciños e veciñas da Estrada outra forma de entender as necesidades locais”, recoñeceu Dono ante a Asemblea dos socialistas locais o día que se ratificou por unanimidade a candidatura encabezada polo líder socialista.
PSdeG PSOE de A Estrada






































