– *Magariños: “O proxecto fala de desbroces manuais, pero alí entrouse cunha máquina escavadora”.*
– *Magariños: “Se o que se fixo en Barcala é un plan de mellora, daquela temos un alcalde con poucas luces”.*
-*Os nacionalistas denuncian que estamos ante un grave delito ecolóxico nunha zona da Rede Natura e instan á Consellaría de Medio Ambiente a actuar contra o concello *
“O proxecto de mellora do carreiro natural da praia fluvial de Barcala non ten nada que ver coa desfeita realizada polo concello da Estrada” afirmou hoxe aos medios de comunicación
local o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, logo de analizar o citado proxecto de obra, reiteradamente demandado polos nacionalistas despois da denuncia realizada nos días pasados.
“No proxecto”, explicou Magariños, “indica que dentro do plan de mellora tiña que facerse un desbroce manual selectivo da vexetación e que as melloras do carreiro non podían producir modificacións no trazado nin na lonxitude deste”. “Os feitos”, engadiu Magariños, “que calquera veciño ou veciña da Estrada pode ver in situ, reflicten que o goberno municipal do PP entrou na praia fluvial de Barcala como un elefante nunha cacharrería levando por diante todo o que atopaba ao seu paso e saĺtándose o proxecto
aprobado polo goberno municipal”.
“O executado non se axusta en absoluto ao descrito no proxecto”, afirmou o concelleiro do BNG, “se para o alcalde iso é un plan de mellora, daquela temos que concluír que o alcalde ten moi poucas luces e ademais mente” en relación ás preguntas formuladas por Magariños no pleno celebrado a semana pasada, “porque a realidade non ten nada que ver co planificado e autorizado polas autoridades medio ambientais como el afirmou no pleno”.
“Instamos”, engadiu Magariños, “á consellaría de medio ambiente a tomar cartas no asunto porque o que fixo o goberno municipal do PP nesta zona da Rede Natura é un delito ecolóxico moi grave e ten que ter consecuencias”.
“Agardemos”, engadiu o concelleiro nacionalista, “que a administración galega aparque os favoritismos de tipo político e actúe con contundencia, porque este tipo de delitos non poden quedar impunes”.
“Pero non só estamos ante un presunto delito ecolóxico”, explicou o concelleiro do BNG, “se o goberno municipal do PP aprobou un proxecto e logo se fixou outra cousa distinta, estamos ante un grave irregularidade administrativa do PP e do alcalde”. “O concello ten que comprobar que o traballo realizado se axusta ao proxectado”, engadiu Magariños, “neste caso é obvio que non, porque alí non hai desbroce manual selectivo, alí entrou
unha máquina escavadora arrasando árbores autóctonas, o carreiro, … arrasando todo nunha lonxitude aproximada duns 500 metros”.
“Por outra parte”, explicou o concelleiro do BNG, “no proxecto hai outro dato que chamou poderosamente a nosa atención; segundo o taboleiro situado na praia fluvial o plan de mellora valorado en 23.305 € tiña unha duración de seis meses, poren no proxecto indícase que a obra tería unha duración de cinco días”. “Desde logo, para facer a desfeita que fixeron até lle sobraron días”, ironizou o concelleiro nacionalista, “de feito, sabemos por algún veciño que só estiveron dous días facendo os traballos, por chamarlle dalgún xeito, tempo claramente insuficiente para acometer o plan de mellora proxectado dentro dunha zona da Rede Natura”.
O concelleiro nacionalista concluíu que este martes 14 pola noite analizarán no consello local do BNG máis polo miúdo este asunto. “Desde logo”, afirmou, “non deixaremos morrer esta asunto que consideramos moi grave, e neste sentido analizaremos as actuacións que sexan preciso para non deixar impune o que para nós é un grave delito ecolóxico perpetrado por unha administración pública”.
BNG de A Estrada






































