O pasado fin de semana celebráronse na Estrada as primeiras rutas infantís e populares deste ano organizadas polo Clube Ciclista Bikestrada e o Concello da Estrada. O tempo acompañou unhas grandes xornadas de deporte e diversión nas que os participantes puideron disfrutar de fermosas paisaxes polos montes estradenses.
O sábado celebrouse a primeira ruta infantil dirixida a animar aos rapaces de 6 a 12 anos a participar do deporte da bicicleta de montaña. Ás cinco da tarde saian da praza do concello case 70 participantes entre rapaces, acompañantes e membros do clube Bikestrada que se encargaron da organización e loxística da ruta. Dende a praza do Concello dirixíronse cara Aguións, Toedo, Santeles e volta para A Estrada cunha pequena parada no camiño para repoñer forzas, percorrendo ao final en torno aos 10 kilometros. Os mais cativos demostraron unha gran enerxía sobre a bicicleta deixando nalgúns caso aos mais maiores rezagados.
O domingo ás dez da mañá saian tamén dende a praza do concello os participantes da primeira ruta popular dirixida a tódolos públicos. Case medio centenar de ciclistas fixeron case 20 kilometros percorrendo unha parte da Ruta do Salmón que organiza o clube tódolos anos, baixando por Liñares e dirixíndose despois cara Callobre para voltar á Estrada de novo por Guimarei. O fantástico día que estivo animou a moitos participantes a anotarse xa para a seguinte ruta.
O vindeiro fin de semana celebrarase a segunda edición das rutas. O sábado 18 de novo ás cinco da tarde sairá dende a praza do Concello a Ruta Infantil para rapaces de entre 6 e 12 anos dirixíndose cara a Tabeirós parando na casa de turismo rural Casa da Pastora para o avituallamento e o domingo 19 ás dez da mañá a Ruta Popular para tódolos que queiran participar de máis de 12 anos, que sairá tamén dende a praza do Concello para logo subir cara o monte Cabalar.
Dende o clube Bikestrada animamos a tódolos que queiran disfrutar dun día de deporte e diversión se acheguen coa bicicleta á praza do Concello este fin de semana. Aproveitamos para lembrarlle a todos os participantes que o uso de casco é obrigatorio.
Bikestrada






































