O BNG da Estrada propón a construción dun cemiterio municipal

IMG_3851Magariños “a propia Xunta insta a que sexan os concellos os que tomen a iniciativa na construción de cemiterios públicos”

*“Compre rachar co monopolio que ten a igrexa católica; a sociedade mudou moito nos últimos anos, incrementándose de xeito significativo o número de persoas que non profesan ningunha confesión e persoas con outras confesións distintas da cristiá”*

O concelleiro do BNG e candidato á alcaldía, Xosé Magariños, vén de presentar unha moción no rexistro do concello na que se insta ao goberno municipal a construción dun cemiterio municipal facendo as modificacións oportunas no PXOM para que isto sexa
unha realidade.

“Hai unha demanda social evidente”, explicou o concelleiro nacionalista, “e o que non pode facer o goberno municipal do PP é cruzarse de brazos e deixar que a igrexa católica monopolice para o seu propio beneficio a construción deste tipo de estruturas, fomentando a especulación e o incremento de prezos”. “Por iso”, afirmou o concelleiro do BNG, “presentamos esta moción, para que se busque o espazo idóneo para acoller este tipo de construcións e para rachar dunha vez por todas o monopolio que ten a igrexa católica neste campo, abaratando os prezos, normalmente son bastante altos, por certo”.

“No caso da Estrada a única alternativa que hai de momento” engadiu Magariños, “é a ampliación que planea a igrexa e que está a causar rexeitamento social pola súa proximidade ás casas e porque afecta a mananciais de auga en uso da parroquia de Figueiroa”.

O concelleiro nacionalista incididu na presenza pública na construción de cemiterios, “de feito” indicou, “a propia lei de sanidade mortuoria aprobada no Parlamento Galego pide incrementar a presenza e intervención pública na construción de cemiterios e que esta teña a capacidade adecuada ás características da súa poboación”.

“Por outra parte”, explicou o concelleiro do BNG, “o goberno municipal ten que ser consciente de que a sociedade mudou moito nos últimos anos, incrementándose de xeito significativo o número de persoas que non profesan ningunha confesión e persoas con outras confesións distintas da cristiá, e que poden ter dificultades, ben por reticencias propias, ben por atrancos que impoña a propia igrexa, á hora de enterrarse nun lugar “consagrado” baixo a tutela da Igrexa Católica”.

“O certo é que non temos moitas esperanzas que o PP apoie esta moción”, afirmou Magariños, “como todos e todas sabemos López prefire deixar todo á iniciativa privada, como o desenvolvemento do PXOM, a recollida do lixo, etc, no canto de que sexa o concello o que tome a iniciativa”. “Con todo”, engadiu o concelleiro e candidato nacionalista, “a nosa proposta é esta, que sexa o concello o que tome a iniciativa e constrúa un cemiterio municipal no sitio máis acaido, porque non podemos obviar, que malia as
alternativas que proliferan ultimamente, os seres humanos, pero en especial os galegos e galegas, temos unha necesidade atávica de situar os nosos mortos nun lugar concreto onde poidan ser venerados e recordados, e o PP non pode ser insensíbel a nesta necesidade humana, que por outra parte, é inevitábel”.

BNG de A Estrada

Esta entrada fue publicada en Política, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta