A Asociación Cultural “Vagalumes”, con motivo do centenario da revolta labrega estradense de maio de 1915, vai poñer a disposición de todos unha serie de recursos na rede para coñecer máis daqueles feitos históricos que marcaron a evolución do noso Concello, mais tamén significaron un fito determinante na conformación do nacionalismo na Galiza.
Compre lembrar que durante un mes estivo a cercarse a nosa vila polos labregos que vían que o Concello en mans caciquís ao servizo do Marqués de Riestra estaban a afogar o desenvolvemento da nosa economía e das liberdades fundamentais dos veciños e veciñas da Estrada.
O punto culminante deste conflito desatouse o día 16 cando foron detidos dirixentes agraristas en Lagartóns, desencadeando un levantamento que finalmente obrigou ao grande cacique da Caeira, Xosé Riestra, ceder o poder local aos agrarios.
Ao ano seguinte erixiuse un monumento en Lagartóns e conmemorouse a revolta cunha festa de exaltación da autoestima labrega e galega. Os posteriores acontecementos, coas tensións internas derivadas da presión que o aparato de Estado a través das Deputacións e o Goberno Civil en mans caciquís exerceron sobre o poder local labrego, provocou unha rotura entre os que se renderon e os que optaron por manterse leais á Terra e nosa xente dando paso ao que supuxo a primeira candidatura nacionalista galega presentada a
unhas eleccións xerais con Losada Dieguez como cabeza de lista.
Para coñecer como transcorreron estes feitos imos pór na rede a través da páxina www.tabeirosmontes.com xornais, gravacións, documentos, fotos, etc… que axudarán a comprender o acontecido nestes días de maio que fixeron tremer ao omnipotente caciquismo galego.
Asociación Cultural Vagalumes






































