López repite como candidato do PP á Alcaldía para
“completar un ciclo de 16 anos de transformación”

O alcalde asegura sentirse “con máis forzas ca nunca e nun momento de madurez
política e persoal” para “aspirar a mellorar os resultados de 2019”
o O presidente provincial do PP, Luis López, salienta que o rexedor local “cumpriu
con creces na construción dunha gran Estrada” e pide traballo ata o 28M e “ser
conscientes de que o principal inimigo é o exceso de confianza”
o Valentín García cualifica a José López como “un alcalde 4×4, un todoterreo, que
cambiou A Estrada un cento por cento”

O alcalde da Estrada e presidente local do PP,
José López Campos, anunciou hoxe en rolda de prensa que repetirá como candidato
á Alcaldía o vindeiro 28 de maio para “completar un ciclo de 16 anos de
transformación e modernización deste concello”.
López Campos anunciou esta decisión diante do presidente provincial do PP, Luis
López Diéguez; a secretaria provincial, Luisa Piñeiro; o coordinador comarcal,
Valentín García Gómez; os/as concelleiros/as do goberno local e os integrantes da
Executiva Local do partido.
“É razoable e normal que unha persoa, despois de 20 anos en política, reflexione
sobre a súa utilidade neste mundo, porque en política hai que saber entrar e hai
que saber marchar; pero hai que marchar cando un considera que o seu ciclo está
terminado e, neste caso, o ciclo aínda está por pechar, porque hai moitas cosas que
facer”, afirmou López Campos, que asegura sentirse “con máis ilusión e forza ca
nunca e nun momento de gran madurez política e persoal” para “aspirar a mellorar
os resultados de 2019”. “Estou no meu mellor momento dentro do partido, tanto a
nivel de Galicia como de Pontevedra, con dous referentes que para min son moi
próximos, como Alfonso Rueda e Luis López”, resaltou.
O alcalde estradense destacou o “dinamismo importante que conseguiu A Estrada
nos últimos anos” e congratulouse de que “en Galicia se perciba á Estrada como
unha referencia de estabilidade, de xestión e de transformación”. “Fixemos unha
transformación moi potente, moi ben deseñada e moi planificada; e fomos un

goberno que actuou con intelixencia política, porque non buscamos confrontación
con outras administracións”, argumentou.
Advertencia contra “o exceso de confianza”
Na súa intervención, o presidente provincial do PP manifestou que “José López
cumpriu con creces na construción dunha gran Estrada” logrando o recoñecemento
a nivel rexional: “Se non fora por José e o seu equipo, A Estrada non tería o progreso
e a transformación que vos fai ser a envexa e un exemplo a nivel de Galicia. É o que
se escoita por aí”. Pero lonxe de acomodarse, Luis López pediu traballo ata o 28 de
maio, advertindo de que “o principal inimigo será o exceso de confianza».
Pola súa parte, o estradense Valentín García aproveitou para cualificar a José López
como “un alcalde 4×4, un todoterreo, que cambiou A Estrada un cento por cento”.
“Este motor político que pon en marcha hoxe José, vai ser a forza que o vai facer
subir considerablemente porque iso pálpase na rúa: os veciños, as asociacións…
todo o mundo está con José”, resaltou, antes de concluir que o PP da Estrada “vai a
pola cuarta maioría absoluta, con máis forza ca nunca, como un 4×4, un todoterreo
con tracción total”.

Publicado en Portada | Deja un comentario

INICIAN NA ESTRADA AS OBRAS DE AMPLIACIÓN DO FIRME DA EP-7007 DESDE A IGREXA DE SAN MIGUEL DE BARCALA

As obras acometidas pola Deputación de Pontevedra para o reforzo do firme nun treito da EP-7007 Couso-San Miguel de Barcala, no concello da Estrada, xa están en marcha. O deputado delegado de Infraestruturas, Gregorio Agís, visitou acompañado do alcalde da Estrada, José López Campos, o inicio duns traballos aos que a institución dedica un orzamento próximo aos 800.000 euros (achegados integramente pola institución provincial) cos que se busca seguir mellorando a calidade viaria das súas infraestruturas, enmarcadas nun claro e recoñecido modelo de mobilidade amable, sostible e segura.

 

A mellora do firme desta vía suporá unha mellora substancial das condicións de circulación, polo tanto, repercutirá directamente na ampliación da seguridade viaria. Isto conseguirase co reforzo do firme e ampliando a plataforma, que pasará a contar con carrís de 2,50 metros de ancho, beiravías de 0,5 metros en ambas as dúas marxes e tamén unha cuneta de seguridade, dun metro de ancho, situada na marxe dereita.

 

Entre outras actuacións, demoleranse o paquete de firme e a base xa existentes para proceder á reposición da capa de rodaxe. Tamén se retranquearán algúns dos elementos existentes, como os postes, e se substituirán varias obras de drenaxe transversal. Executarase a sinalización horizontal e vertical, colocaranse barreiras de seguridade, executaranse muros de contención de pedra e trasladaranse nove postes de formigón da rede eléctrica e de alumeado público a novos emprazamentos. Tanto as beiravías como a propia plataforma terán o mesmo pavimento.

 

As obras no firme da EP-7007 Couso-San Miguel de Barcala afectan o treito situado entre os puntos quilométricos 5+683 e 8+071, é dicir, preto de 2,4 quilómetros. O punto 5+683 corresponde á altura da igrexa de San Miguel da Barcala e o 8+071 é o final desta vía. Para poder emprender o proxecto o Concello da Estrada puxo a disposición os terreos necesarios, véndose afectadas un total de 14 parcelas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Fede Pérez no Panic en A Estrada

Mañá no tearo ás 20 h visitaranos Fede Pérez no Panic para falarnos sobre o cine e a TV.

Publicado en Portada | Deja un comentario

IX FESTIVAL DE CINE DE TERROR PANIC

Comezou o IX FESTIVAL DE CINE DE TERROR PANIC  coa charla da forense estradense Rita Torres ás 20.00h no Teatro Principal. Un acto que foi conducido por Pedro Pérez que porá en relación as autopsias cinematográficas e televisivas coas dos casos reais. Será un acto con entrada libre ata completar as 80 butacas dispoñibles. Ás 22.30h, pola súa banda, comezarou o maratón de pelis de terror en pixama en Minicines Central. Un total de 4 películas (Cerdita, Megan, La casa de cera e Braindead) que dou remate sobre as 6 da mañá do sábado. A entrada será tamén de balde ate completar as 130 entradas dispoñibles.  Por último, que as 30 prazas da expedición do domingo 29 á Porta do Alén no cumio do monte Seixo (Cerdedo-Cotobade) están xa adxudicadas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Co PP imos a menos


Xoán Reices: «Desde que goberna o PP en 2011 até 2022 A Estrada perdeu 1.653 habitantes; fai falta un revulsivo, fai falta un goberno que crea nas potencialidades do noso concello para poñer en marcha unha nova A Estrada»

«A día 1 de xaneiro de 2022 A Estrada tiña 20.106 habitantes, unha cifra que no BNG cremos que vai seguir baixando, deixando o concello nunha situación moi preocupante no social e no económico», explica o candidato do BNG á alcaldía, Xoán Reices.

«Pero aínda hai máis», engade, «desde que López é alcalde, é dicir, desde 2011 até o 1 de xaneiro de 2022, o noso concello perdeu 1.653 habitantes.». «Se collemos a táboa de datos que fornece o INE non houbo nin un só ano con saldo positivo co PP no goberno municipal, ningún», afirma Reices.

«Co PP imos a menos, aí están os datos para confirmalo», indica Reices, «o noso concello non pode continuar con este declive socio-económico que se palpa en cada recuncho do noso concello». «López gastou máis de 3.000.000 millóns de euros nunha alameda de cemento, vendéndonos que ía ser o revulsivo do século, e aí están os resultados, 20.106 habitantes en 2022, 1.653 menos que cando el tomou o bastón de mando en 2011.»

O candidato á alcaldía afirma que «a situación é dramática; segundo a FEGAMP en 2016 concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes, entre os que se atopa A Estrada agora mesmo, percibiron 205 euros por habitante, mentres que os concellos de 5.001 a 20.000 habitantes percibiron 188 euros por habitante.» «As contas están claras», explica Reices, «temos os mesmos gastos, temos menos ingresos, menos investimentos, o que produciría maior endebedamento», afirma.

O candidato nacionalista explica que «nin o Baby Box nin as cartas enviadas aos veciños que xa están censados van mudar a situación, o que hai tomar é medidas para que a medio prazo podamos reiniciar a senda alcista de número de habitantes». «En primeiro lugar», afirma Reices, «o mes de maio hai que cambiar de goberno municipal que aproveite as potencialidades do noso concello, por exemplo no sector da madeira ampliando ou poñendo en marcha un polígono industrial público que xere emprego; poñendo en valor o noso patrimonio ou aproveitando as potencialidades do noso rural, na horta e no agro…». «Son moitas as medidas que se poden tomar, pero fai falta un goberno que crea nas potencialidades do concello para poñer en marcha unha nova A Estrada», afirma.

Publicado en Portada | Deja un comentario

PRESENTACIÓN RAPA DAS BESTAS EN FITUR

 

O Concelleiro de Cultura Juan Constenla presentou esta mañá en Fitur a Rapa das Bestas, Festa de Interese Turistico Internacional, no acto de «Un Ano de Festas» promovido pola Axencia Turismo de Galicia, poñendo en valor a nosa festa máis coñecida.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O alcalde debe liderar unha iniciativa para mellorar a seguranza vial na N-640 ao seu paso pola vila

Xoán Reices: «López  non pode estar permanentemente de brazos cruzados contando os atropelos nas rúas da Estrada»O

Os accidentes na N-640 ao seu paso pola vila son habituais. «Demasiado habituais como para tomar medidas», afirma o candidato do BNG, Xoán Reices. «En 2019 rexistráronse cinco atropelos, un deles mortal, hai unha semana outro accidente», engade.

«No BNG cremos que é tempo de tomar medida, de feito temos impulsado iniciativas no Congreso a través do noso deputado Néstor Rego, e máis recentemente presentamos unha emenda aos orzamentos de 2023 para mellorar a seguranza vial, que lametabelmente PSOE e Unidas Podemos votaron en contra», explica o candidato nacionalista.

O candidato do BNG insiste en que é necesario tomar medidas para mellorar a seguranza vial da N-640 ao seu paso pola vila da Estrada, «é o momento de que o alcalde lidere esta reivindicación, non pode estar permanentemente de brazos cruzados contando os atropelos nas rúas da Estrada», afirma Reices. «Neste sentido,» engade, «López ten que impulsar unha iniciativa política e social que lle dea un impulso á Variante e reclame melloras de seguranza vial na N-640».

«Desde o BNG xa dixemos en moitas ocasións que a Variante é unha das claves para mellorar a seguranza vial na vila», afirma, «cantos menos coches pasen polo centro mellor, mais tamén hai que tomar outras medidas como pasos peonís elevados outro tipo de medidas que freen a alta sinistralidade que se rexistra neste tramo da N-640».

Publicado en Portada | Deja un comentario