LÓPEZ BUENO “PREOCUPADO” POLA IMAXE QUE DARÁ A ESTRADA DURANTE O SAN PAIO

O PSOE da Estrada dise “preocupado” pola imaxe que ofrecerá a vila durante a celebración das festas do San Paio. Para Luis López Bueno o estado de conservación das rúas do casco urbano é “moi mellorable”. O socialista considera que a presenza de rúas cortadas con vallas por todas partes, pasos de peóns e zonas de aparcamento despintadas e beirarrúas destrozadas e sen baldear “non nos van a facer ningún favor”.

 

López Bueno apunta como responsable ao goberno do PP, que “leva dous anos sen facer absolutamente nada” no casco urbano. “O único que se fixo foi instalar un baño de 70.000 euros”, critica. Ademais, considera que o PP é o responsable de contar con escasísimo persoal para facer o mantemento dos elementos do casco urbano.

 

O voceiro pon exemplos concretos para revelar o “pasotismo” do PP, que non atende ningunha das peticións que se lle fan chegar, “nin as que fan os veciños directamente nin as que facemos dende a oposición”, explica.

 

Por exemplo, o famosísimo episodio do Banco na Avenida de Santiago “que xa saíu incluso en The Guardian”, deixa moi claro cal é a actitude do PP cos veciños: “non nos fan nin caso”. Coma esa petición hai moitas outras que se lle fixeron chegar á alcaldía: reposición da beirarrúa na entrada do Froiz, prazas para persoas con mobilidade reducida en rúas moi concretas, arranxo do firme en diversas rúas… pero ningunha foi atendida aínda.

 

López Bueno valora que “todas estas peticións poden resolverse con facilidade” pero indica que é unha cuestión de actitude: “hai que querer”. Explica que son cuestións que non teñen unha especial carga administrativa e que se poden planificar antes para ter unha solución rápida a eses “pequenos problemas”.

 

Aparcamentos disuasorios

 

López Bueno tamén instou ao goberno do PP a que “mellore o firme dos aparcamentos disuasorios” antes de que comecen as celebracións do San Paio.

 

Considera “prioritario” mellorar o firme no aparcamento de Correos e nas conexións entre os espazos de aparcamento da Avenida de América. Explica que “se se traslada a feira para o aparcamento, os únicos accesos que quedarán dispoñibles os mércores serán Correos, Avenida de América (xunto a Carrusel Deportivo) e Rúa Forcarei”, que están moi deteriorados e precisan unha mellora urxente.

 

López Bueno entende que o Concello ten maquinaria propia para asumir esas tarefas e que non se incumprirían os acordos cos propietarios, simplemente se eliminarían os baches nos accesos e as conexións entre os distintos aparcamentos.

 

O socialista tamén ve “necesario” activar canto antes o proxecto de aparcamento disuasorio na rúa 25 de xullo. Recorda que “nós pedimos que se iniciara antes que a reforma da Praza da Feira para que as obras non eliminaran aparcamento na zona” pero que “lamentablemente non se atendeu a proposta”.

Publicado en Portada | Deja un comentario

FESTAS SAN PAIO A ESTRADA 2021 (24 -27 DE XUÑO)

 

 

XOVES 24 DE XUÑO
11:00 // Bombas de Palenque
11:00 // Pasacalle Charanga Os Xirimbaos
11:00 // II Torneo de Pádel Concello da Estrada (pistas de pádel)
12:00 // Inauguración exposición fotográfica “Memorias da troula” en escaparates
comerciais (Rúa Calvo Sotelo)
13:00 // Pregón San Paio 2021: As Lerchas xunto co Obradoiro de Música Moderna Carlos
Barruso (Praza do Mercado)
18:00 // Parque de Atraccións de Feira (Praza da Feira)
18:00 // Pasacalle Charanga Os Xirimbaos
19:00 // Concerto – recital de Yolanda Castaño e Isaac Garabatos (Praza do Mercado)
20:00 // ORQUESTA GALILEA (Alameda Municipal)
22:30// GUADI GALEGO (Praza do Concello)

VENRES 25 DE XUÑO
11:00 // Bombas de Palenque
11:00 // Presentación do libro A Historia da Radio (Praza do Mercado)
13:00 // Banda de Música Municipal de Santiago (Praza do Concello)
18:00 // Parque de Atraccións de Feira (Praza da Feira)
18:00 // Pasacalle Lume na Lareira
18:00 // Infantil: Pakolas en concerto (Praza do Mercado)
19:00 // Batucada Latexo Percusión
20:00 // A BANDA DA LOBA (Alameda Municipal)
22:30 // FREDI LEIS (Praza do Concello)

SÁBADO 26 DE XUÑO
10:30 // Musikenos (Alameda Municipal)
11:00 // Bombas de Palenque
11:00 // Pasacalle Charanga Os Atrevidos
11:00 // Exposición de Bonsais do Club Bonsai Pontevedra (Alameda Municipal)
12:00 // Presentación Libro Xosé Luna (Teatro Principal)
12:30 // Grupo de Acordeóns Os Lóstregos e Banda de Gaitas de Barbude (Praza do
Concello)
16:00 // XFest 2021: Retrogaming e realidade virtual (Rúa Waldo Alvarez Insua)
18:00 // Parque de Atraccións de Feira (Praza da Feira)
18:00 // Pasacalle Charanga Os Atrevidos

18:00 // Entrega de Premios Festa da Bicicleta (Praza do Concello)
18:00 // Infantil: Mamá Cabra en concerto (Praza do Mercado)
19:00 // Pasacalle Banda de Música Cultural da Estrada
20:00 // Misa Cantada na honra a San Paio pola Coral Polifónica Estradense e procesión a
cargo das Bandas Militar da Brilat e Cultural da Estrada. A continuación concerto da
Banda Militar da Brilat (Praza da Igrexa)
20:00 // ORQUESTA LOS SATÉLITES (Alameda Municipal)
22:30 // SUSANA SEIVANE (Praza do Concello)

DOMINGO 27 DE XUÑO
11:00 // Bombas de Palenque
11:00 // Pasacalle Charanga BB+
11:00 // Exposición de Bonsais do Club Bonsai Pontevedra (Alameda Municipal)
11:00 // XFest 2021: Xornada airsoft (Estación de Autobuses)
12:00 // Presentación Libro Olimpio Arca (Teatro Principal)
12:00 // Pasacalle Banda de Música Municipal da Estrada
13:00 // Banda de Música Municipal da Estrada (Praza do Concello)
18:00 // Parque de Atraccións de Feira (Praza da Feira)
18:00 // Pasacalle Charanga BB+
18:00 // Final do Torneo de Tenis Concello da Estrada (Pistas Municipais)
18:00 // Infantil: O Mago Teto (Praza do Mercado)
18:00 // MANOELE DE FELISA (Alameda Municipal)
20:00 // Misa Cantada pola Coral Polifónica Estradense e procesión do Santísimo a cargo
da Banda de Música Municipal da Estrada e da Banda Municipal de Silleda.
20:30 // REGATOS (Alameda Municipal)
22:30 // CLUB DA COMEDIA: DANNY BOY E MIGUEL LAGO (Praza do Concello)
00:00 // FOGOS FIN DE FESTA (Cañoteira, Teatro)

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Balneario de Cuntis acolle a presentacióndo libro “Teatro de Don Olimpio” que recompila as obras teatrais do finado escritor

O Balneario de Cuntis, acolle o venres 11 de xuño, ás 20.30 h, a presentación do libro “Teatro de Don Olimpio” publicado por Edicións Fervenza, e no que se recollen un total de once obras teatrais do finado profesor e escritor Olimpio Arca Caldas.

 

Dito acto, contará coa presenza de Susi Arca, mestra e filla de Olimpio Arca; Mario Touceda, bibliotecario do Concello de Cuntis; o xerente da promotora e construtora Bamarti, Fernando Martínez; e o alcalde do Concello de Cuntis, Manuel Campos. Ademais, contarase cunha actuación musical a cargo de Manoele de Felisa.

 

A obra

 

Teatro de Don Olimpio  é un volume que se presenta en tapa dura e no que se recompila toda a produción teatral do finado Olimpio Arca Caldas. Un total de 11 obras teatrais, varias delas inéditas, que se erguen como auténtica referencia do teatro escolar. Creativas, educativas e integradoras, son de obrigada referencia para quen crea na verdadeira valía do Teatro Escolar como proposta educativa que axudará e non pouco a facer e orientar cidadanía. “Os Reis do Panchiño”, “E o equilibrio impúxose (Mimo)”, “Pelexa no souto”, “Hoxe naceu un neno”, “Soprar a tempo”, “O enfermo 4M”, “Conversas coa nobre dama”, “O indiano”, “Mágoas de campesiños e señoritos”, “Parasitos na escola” e “O aparecido das campaíñas” son o conxunto de obras recollidas en “Teatro de Don Olimpio”.

 

Cabe sinalar a colaboración prestada por distintos artistas plásticos que ilustraron ditas obras, algúns de renome como Xoán Cerviño, Ana Margarita Pérez Rodríguez, Manuel Fragoso, Paco Lareo, Inés Sánchez, Mario Touceda, Héitor Picallo ou Ramiro Cimadevila; e outros, moito menos coñecidos pero que representan a vocación de mestre do escritor, con pinturas realizadas por alumnos/as do CEIP “Xesús Golmar” de Lalín e alumnos/as do CEIP do Foxo.

 

Colaboracións

 

Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o Concello da Estrada, o Concello de Cuntis e a Promotora e Construtora Bamarti.

 

Seguridade covid

 

Polas circunstancias covid, o acto estará condicionado polas medidas necesarias para que se fagan respectar as distancias de seguridade, sendo obrigatorio o uso de máscara. Tamén disporemos de xel hidroalcohólico para tratar de protexer a saúde de todas as persoas asistentes. Por iso, prégase ao público que se achegue 30 minutos antes do comezo para evitar aglomeracións, pois a entrada é libre ata completar o aforo.

 

 

O autor

 

Olimpio Arca Caldas (Cuntis, 1928 e finado na Estrada o 25 de novembro de 2014) foi mestre e escritor. Estudou bacharelato por libre durante cinco anos e os dous últimos cursos realizounos en Santiago de Compostela. Rematou en 1944, para un ano despois acadar o título de Mestre Nacional e fundar en Cuntis a Academia Lumen para alumnos de bacharelato, maxisterio e comercio.

 

No ano 1951 ingresa como factor de intervención na Renfe e en 1957 pasará a ser correspondente do Banco de A Coruña en Cuntis. Será en 1960 cando se converta en Mestre do maxisterio público. Desempeñou con cargo provisional as escolas de Graduado da Estrada (1961) e da unitaria masculina de Matalobos (1962). Ao mesmo tempo impartía clases particulares na Academia San Pelayo da Estrada. Por concurso de traslados foi destinado en 1963 á escola masculina de Torea (Muros), e ao ano seguinte pasou á de Pexegueiro (Tui).

 

Durante o curso 1967-68 diplómase en Ciencias para impartir 7º e 8º curso de EXB. Ao mesmo tempo realiza un curso de asistencia psiquiátrica a nenos con discapacidade mental. En 1968 pasou a dar clase na escola masculina de Couso, que pasou a ser mixta. Neste centro comezou a escribir obras de teatro para a súa representación polo propio alumnado.

 

En 1970, ao se establecer o ensino obrigatorio ata os 14 anos, creouse a Agrupación Escolar de Couso, onde foi o promotor da construción dunha aula para o alumnado da segunda etapa. En 1978 inaugurouse o CP Villar Paramá, en San Xurxo de Vea, a onde pasou o alumnado da Agrupación Escolar de Couso. Por concurso de traslados, no curso 1981-82 pasou a ocupar a praza de mestre no CP de Figueiroa de Arriba (A Estrada), no que exerceu varios cursos como director ata a súa xubilación en 1993.

 

A súa traxectoria literaria compóñena obras de ensaio, teatro, narrativa e infantil-xuvenil, recibindo numerosos galardóns e recoñecementos á súa valía nas letras. Entre eles destacan o Premio Mantenga limpia España (1970); o certame do Día del Maestro (1971); o premio Embellecimiento de Pueblos (1971, 1974 e 1976); o premio de teatro escolar organizado por Xuventude (1973, 1974 e 1976);  o premio a traballo etnográficos con alumnos do Museo de Pontevedra (1974, 1975, 1977, 1980 e 1992); o primeiro premio Xunta de Galicia con Castros da Estrada (1984); o primeiro premio Comunidade Autónoma de Galicia en Educación y Ciencia “Naturaleza y Escuela” (1991); o primeiro Premio RTVG Boa Saúde (1991); o premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela (1996) no Concello da Estrada e o premio San Martiño de normalización lingüística (2010).

 

Cabe sinalar o seu nomeamento como Mestre Representativo de Pontevedra por Familia e Gabinete Anaya, en 1975; a concesión da Cruz de Afonso X O Sabio, en 1977; e o seu nomeamento como «Mestre exemplar» polo Museo de Pontevedra en 1993.

 

Dende o ano 2017, o Concello de Cuntis convoca o Premio de Investigación en Humanidades e Ciencias Sociais Olimpio Arca, en homenaxe ao seu labor como mestre e escritor.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A XUNTA INXECTA MÁIS DE 2,5 M€ NA HOSTALARÍA DE DEZA E TABEIRÓS-MONTES COA APROBACIÓN DE 1.200 AXUDAS DIRECTAS DOS DOUS PRIMEIROS PLANS DE RESCATE

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, vén de inxectar máis de 2,5 millóns de euros no sector da hostalaría das bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes a través da aprobación de 1.201 axudas directas correspondentes cos dous primeiros plans de rescate.

 

A segunda convocatoria, que acaba de quedar resolta, permitiu que as achegas deran cobertura ao 94% dos establecementos de hostalaría da provincia de Pontevedra -coa aprobación de 13.385 axudas por importe de case 30 millóns de euros- e lles outorgaran liquidez ao ser un dos sectores máis afectados pola pandemia e polas necesarias medidas sanitarias de contención da covid-19.

 

En toda Galicia outorgáronse máis de 37.000 axudas directas en ambos os dous plans de rescate, co que chegaron a case a nove de cada dez bares, restaurantes, cafeterías e outros establecementos de alimentación e bebidas radicados na Comunidade. Todos estes apoios supuxeron ata o de agora un desembolso de 86,6 millóns de euros das arcas autonómicas.

 

Axudas nas comarcas

En canto á distribución en Deza e Tabeirós-Montes, os locais do municipio de Lalín roldaron o medio milleiro de achegas cun importe global de case un millón de euros, mentres que no caso da Estrada superáronse as 300 axudas por un importe de preto de 700.000 euros.

 

Polo demais, tamén destacaron as achegas concedidas aos establecementos do sector de Silleda, cun total de 225 e preto de medio millón de euros, mentres que, dos demais concellos, destacan as axudas a Vila de Cruces (60) ou Cerdedo-Cotobade (59).

 

A relación de beneficiarios e de contías por concellos é a seguinte:

 

 

Concello

Axudas abonadas

Contía en euros

Lalín

476

959.105

A Estrada

309

692.290

Agolada

17

32.300

Cerdedo-Cotoabde

59

117.635

Dozón

9

20.300

Forcarei

27

67.125

Rodeiro

19

45.000

Silleda

225

447.120

Vila de Cruces

60

133.375

TOTAL

1.201

2.541.250

 

Cos dous primeiros plans de rescate a Xunta mobilizou un total de 182 millóns de euros co obxecto de aportar liquidez a estes negocios e contribuír á permanencia do emprego e da viabilidade. Máis da metade dese diñeiro foi parar ao sector hostaleiro.

 

3º Plan aprobado

O Consello do Goberno galego, pola súa banda, vén de aprobar o 3º plan que, no seu caso, nutrirase de fondos do Estado, dos que 234,4 millóns de euros corresponderán á Comunidade, apenas o 3,3% dos 7.000 millóns que se repartiron en toda España.

 

Dentro da escasa marxe de manobra que o Goberno central deixa ás comunidades, Galicia priorizará que as axudas cheguen ás persoas traballadoras autónomas e microempresas, que supoñen o 97% do tecido produtivo galego. Para elas resérvanse 200 dos 234 millóns de orzamento, o 85% do plan.

 

En consenso do Diálogo Social e coa Mesa do Emprego Autónomo, a Xunta vén de deseñar un 3º plan que prevé axudas de entre 3.000 e 30.000 euros para persoas traballadoras autónomas, microempresas, pemes e empresas, establecidas en función da baixada de facturación padecida a causa da covid-19 e o número de persoas empregadas ao cargo.

 

Outra das aportacións de Galicia ao plan consistiu estender as axudas a todas as actividades económicas, e non só ás 95 apuntadas polo Real Decreto do Estado, sempre e cando poidan acreditar unha caída de ingresos dun 40% ou máis.

 

Co obxectivo de garantir a maior axilidade posible, o Goberno galego aplicará o mesmo criterio que no primeiro e segundo plans de rescate e concederá o anticipo do 100% dos importes coa mera presentación dunha declaración responsable.

 

Coa convocatoria do 3º plan, a Xunta terá destinado cerca de 560 millóns en axudas directas en seis meses aos sectores máis prexudicados pola pandemia: 416 millóns dos tres plans de rescate e a contía restante correspondente a diferentes departamentos da Xunta que veñen de apoiar a axencias de viaxes, ocio nocturno, orquestras ou ao sector das artes escénicas e musicais, entre outros ámbitos.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Moción do BNG contra o tarifazo eléctrico

O pasado 9 de Marzo do 2021 o Consello de Ministros, a proposta do MITECO, aprobou o Real Decreto polo que establece a metodoloxía que, xunto coas peaxes do sistema fixadas pola «Comisión Nacional de los Mercados y de la Competencia» (CNMC) na circular 3/2020 conforman a parte regulada da factura eléctrica de cada consumidor ou consumidora.

Esta reforma, xa prevista para o ano 2020 e demorada pola pandemia, entrou en vigor o pasado 1 de xuño. Dende o BNG, indica a concelleira do BNG, Susana Camba «consideramos que esta norma xera un impacto negativo nos consumidores e consumidoras, danos colaterais importantes que deberán levar á reconsideración desta norma, sobre todo tendo en conta que afecta a importantes sectores da poboación que xa están sufrindo as graves consecuencias derivadas do forte impacto económico das restricións impostas pola loita contra a COVID-19».

Este é o caso do consumo doméstico e nomeadamente daquelas persoas consumidoras adheridas xa con anterioridade ao sistema de discriminación horaria. «Na Galiza hai máis de medio millón de fogares adheridos a esta modalidade», engade, «que verán como a súa factura experimenta un aumento que pode chegar a superar o 30%.»

«Así mesmo, debe destacarse o impacto que ten en determinadas actividades económicas cunha forte implantación na Galiza como son as pequenas explotacións gandeiras, xa que os horarios do período punta da tarifa coinciden con tarefas de alto consumo enerxético», afirma a concelleira nacionalista. «Por exemplo», engade Susana Camba, «se observamos o perfil típico dunha explotación gandeira, veremos que o 40% do consumo concéntrase entre as 8h e as 13h pola mañá e as 18 e 23h pola tarde, xusto o período punta, polo que o incremento medio na factura será de máis do 40%.»

«Ademais, tamén hai outros consumidores cun perfil de consumo semellante ao descrito, como é o da hostalería, xa duramente golpeado pola pandemia, e o resto de PEMES, sufrirán igualmente as consecuencias, pois as súa actividades desenvólvense necesariamente durante as horas de maior custo da enerxía», afirma a concelleira do BNG, «E todo isto acontece nunha Galiza que exporta electricidade.
«Por outra parte», indica Susana Camba, «tamén queremos facer fincapé en que non resulta lóxico acometer un cambio normativo deste calibre sen ter en conta outros aspectos da composición da factura cuxo peso é relevante e cuxa necesaria revisión demándase tamén dende amplos sectores da sociedade, como son o importe do imposto especial da electricidade e o tipo de IVE que debe aplicarse, sendo a electricidade un ben de primeira necesidade e non un luxo.»

«Todas estas razóns lévanos a presentar unha moción no concello para que todas as forzas políticas digan non ao tarifazo eléctrico que desde o 1 de xuño sacude os petos de todos os veciños e veciñas», explica, «é importante mandar o recado a Madrid de que A Estrada non está de acordo con esta medida aprobada polo goberno de PSOE e Podemos que o único que sirve é para incrementar os beneficios das Eléctricas».

«Por outra parte», engade a concelleira nacionalista, «con esta moción tamén solicitamos que se reduzan o os impostos que gravan o consumo de enerxía eléctrica, singularmente a eliminación do imposto especial da electricidade e a redución do tipo aplicado no imposto de valor engadido até o 4% e tamén que Galiza conte cunha #TarifaEléctricaGalega, un prezo reducido da luz por sermos unha país exportador de enerxía». «Non pode ser que as eléctricas enchan os nosos montes de muíños de vento e ao mesmo tempo saqueen os nosos petos», afirma.

Publicado en Portada | Deja un comentario

BNG da Estrada mobilízase en Compostela contra os espolio enerxético e os parques eólicos

 Militantes e simpatizante do BNG participaron na manifestación convocada por diversos colectivos sociais contra a proliferación de parques eólicos no noso país, unha situación da que non é alleo o noso concello, onde se prevén diversas instalacións no monte do Campo das Rosas ou Castro Valente.

Susana Camba, concelleira do BNG, explicou «a pesar de que varios colectivos do noso concello e  mesmo o BNG presentamos alegacións aos proxectos previstos, cremos que é importante que as instancias políticas da Xunta e mesmo do Estado vexan que Galiza e a A Estrada din non aos parques eólicos». «Non podemos ter todos os montes inzados de muíños de vento», afirma, «e a situación pode ir a peor se non se lle pon freo». «Hai que ter en conta que segundo os datos publicados por Red Eléctrica Española, Galiza é a segunda comunidade que máis parques eólicos ten e a segunda que máis produce», engade, «polo tanto cremos que xa abonda».

«Por outra parte», explica a concelleira nacionalista, «cremos que enerxía é un ben público e o vento o noso petróleo, e este ten que estar ao servizo dos galegos e galegas, non para engordar os beneficios das eléctricas». «Nestes sentido», engade, «o BNG aposta pola creación dunha empresa enerxética pública que proporcione a familias e empresas un prezo da electricidade asequíbel, cuxos beneficios se poidan reinvestir en Galiza para xerar emprego e riqueza».

A concelleira do BNG explica que «na actual situación Galiza só sirve de espazo para instalar muíños sen que nos vexamos beneficiados por esta situación, xa que a enerxía marcha e as plusvalías que xera tamén». «Isto é un espolio de libro e temos que frear esta situación», afirma.

Publicado en Portada | Deja un comentario

XII TORNEO DE TENIS DE DOBRES “CONCELLO DA ESTRADA”

 

1.-O torneo rexerase polas normas da Real Federación Española de Tenis.
2.-Os partidos disputaranse ao mellor de tres sets, con tie break en todos
eles, e super tie break en lugar de terceiro set.
3.-O sistema de competición será eliminatorio con cabezas de serie
establecidos pola organización.
4.-Aplicarase W.O. a toda parella que non estea preparada para disputar o
seu partido transcorridos 15 minutos da hora sinalada para o comezo. O
quecemento na pista non superará os 10 minutos. Recoméndaselle aos
xogadores, da segunda e terceira quenda, que estean nas pistas media hora
antes do comezo dos seus partidos.
5.-Lémbrase as parellas que teñan dificultades de horarios que deberán
comunicalo á organización no momento da inscrición. A organización tratará
de axustarse ás necesidades dos/das participantes. Unha vez
confeccionados os horarios, estes non serán alterados e polo tanto non se
accederá a cambios posteriores.
6.-Para cada partido utilizarase un bote de pelotas que terán que recoller na
conserxería do Pavillón “M. Coto Ferreiro” e devolver ao remate do mesmo.
7.-No caso de aprazamento dalgún partido pola choiva ou por atoparse as
pistas molladas, este terá que xogarse nos días e horas que quedan libres no
calendario, previa consulta coa Organización.
8.-Se nalgunha categoría non se acada un número suficiente de inscricións, o
torneo farase en formato mixto.
9.-Os resultados dos partidos comunicaranse ao Departamento de Deportes
do Concello ou no pavillón municipal Coto Ferreiro (Tf. 986 570030) das 9 ás
14 h.
10.-O torneo dará comezo o venres 18 de xuño, e rematará, coa
disputa das fináis, o domingo 27 de xuño.
11.-O sorteo celebrarase o martes 15 de xuño e o remate do prazo
de inscricións será o domingo 14 de xuño, as 14 horas.
12.-As inscricións realizaranse a través de ibertens, ou no
departamento de deportes do Concella da Estrada.
13.- Celebrarase unha repesca conxunta para as parellas
que perdan na primeira ronda.
14.-DEREITOS DE IMAXE: Estas bases son públicas. A
inscrición ou participación no torneo supón a cesión dos
dereitos de imaxe a: Concello da Estrada e Escola de Tenis
MVL por parte de tódolos participantes na proba, sexan
xogadores, adestradores, membros da organización ou
público. Todo aquel xogador, adestrador, membro da
organización ou público que non desexe participar coa súa
imaxe nos actos da proba excepto: fotografías de entrada en
pista, de grupo e entrega de trofeos, deberá comunicalo
por escrito a través dos canles de comunicación da proba.

Publicado en Portada | Deja un comentario