O concerto de De Vacas celebrarase, finalmente, na praza do concello.

A degustación do Salmón nos seus días de Festa fai desfrutar os veciños con prudencia.

Como estaba previsto en principio, e xa que todo apunta a unha mellora do tempo
para a tarde do domingo, o concerto de De Vacas celebrarase finalmente na praza
do Concello ás 20.00 h. A partir das 19.00 h, todos aqueles que o desexen
poderán recoller o seu convite no propio recinto para asistir ao concerto dunha das
agrupacións musicais de moda en Galicia. Antes, ás 12.30 h no Teatro Principal,
terá lugar a actuación da Coral Polifónica Estradense, interpretando un repertorio
de pezas populares galegas.
Xa para o luns, está previsto o pregón e a ofrenda floral das Letras Galegas, ás
12.00 h, na Alameda municipal a cargo do poeta Antonio García Teijeiro, coa
colaboración da Banda de Gaitas de Barbude. Unha hora máis tarde, será o
Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso o que ofreza o seu concerto na
Praza do Concello.
E xa pola tarde, pechará os actos festivos, a Banda de Música Municipal cun
concerto para o que xa non quedan invitacións.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Manuel García Barros protagonista deste ano na Festa Do Salmón

A actividade cultural comezou na tarde de onte coa presentación no
Teatro Principal de dous libros centrados na figura de Manuel García
Barros. O primeiro deles é a reedición dos Contiños da Terra e o
segundo, un libro titulado Manuel García Barros. Vida, obra e
pensamento, que é unha biografía escrita polo propio biógrafo do
autor, Carlos Loureiro. Ao acto asistirá tamén unha representación da
editorial Galaxia, editora destas dúas publicacións. 

Acompañado neste acto o escritor estradense Carlos Loureiro da Concelleira 

de Educación Amalia Golgar o Director Xeral de Politíca Lingüistica Valentín

Garcia e veciños estradenses.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Acto das letras galegas [Xela Arias: “Ámame coa lingua. Fálama”]

A AC Vagalumes celebrará un ano máis o Día das Letras Galegas, cun acto que terá lugar o próximo venres, 14 de maio ás 20:00 na praza da Música,  cumprindo os protocolos exixidos pola actual situación sanitaria.

A nosa lingua encóntrase nunha situación  de emerxencia, corroborada nos últimos días polo estudo sociolingüístico realizado pola RAG, onde se demostra a súa situación de marxinalidade entre a mocidade, tanto no que respecta á competencia como ao uso. Mais, malia os datos negativos, o goberno galego di sentirse satisfeito  e anuncia que continuará practicando a mesma política lingüística.  Por iso nós, desde a AC Vagalumes, perante as políticas de desprezo e exclusión levadas a cabo pola Xunta de Galiza,  entendemos que segue a ser máis necesario que nunca conmemorarmos o Día das Letras Galegas e celebrarmos o orgullo da nosa literatura e da nosa lingua.

Este ano, a persoa dedicataria do Día das Letras é a poeta, narrradora e tradutora Xela Arias, que escribiu a súa obra desde un fondo compromiso con Galiza e co galego. Cómpre afondar no coñecemento e no estudo da súa obra, pois  ofrece moitas das claves para comprender a historia da creación literaria e da evolución social do noso país.

No acto organizado pola AC Vagalumes contaremos coas seguintes  intervencións: «Linguaxela»,  do  mestre e  escritor David Otero; «Dereito a vivirmos en galego» do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira;  actuación musical de Jásper,  Manu García e Patti Castro; e recital poético sobre a obra de Xela Arias, no que convidamos a participar a todas as persoas que o desexen. 

O acto será retransmitido en directo en streaming  a través da páxina www.tabeirosmontes.com e a través de youtube e facebook de tabeirosmontes. Agardamos que sexa proveitoso para reflexionarmos sobre a situación actual do galego e para non esquecermos que cada un de nós pode colaborar na construción dun  futuro digno para a nosa cultura e a nosa lingua. Así  o escribiu  Xela Arias:  «Ámame coa lingua. Fálama»

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG DENUNCIA E AVISA DO PERIGO DE ACCIDENTE POR OBRAS MAL FEITAS EN VÍAS MUNICIPAIS

Sucedeu hai máis dun ano na travesía que une a estrada de Arca co núcleo de Torreboredo e agora hai un par de semanas a situación repítese,  pero en peores condicións, coa vía que une a N-640 coa PO-2016 de Vinseiro.

Debido ás obras de mantemento que o concello fixo nela, é moi perigoso circular por esta vía debido ao estreitamento da calzada e tamén á profundidade que lle deixaron ás cunetas. O perigo de accidente por saída de vía é evidente cando se cruzan dous coches, e hai que abeirar para pasar.

Para o BNG é inexplicable que cos cartos públicos se faga de forma deficiente unha obra que ademais de non proporcionarlle un servizo razoable as veciños e veciñas, poña en risco a súa integridade física e os ben materiais.

Neste caso a cuestión ten máis consecuencias, explica Susana Camba, concelleira do BNG, se se ten en conta que esta travesía representa unha opción importante para quen veña do lado de Lalín e pretenda dirixirse a Cereixo, Guimarei, Vinseiro ou mesmo quen baixe por Fernando Conde e pretenda dirixirse a estas parroquias sen ter que cambiar de sentido xunto da vella discoteca Lennon, manobra non exenta de perigo.

O BNG ten denunciado esta situación en varias ocasións co silencio por resposta do goberno do Sr. López.

Desde o BNG somos conscientes de que nesta cuestión están implicadas varias administracións : Fomento Deputación e mesmo Concello, pero semella que ao goberno do PP pouco lle importa a seguranza e os servizos dos seus veciños e veciñas como demostra o feito de que nunca se dirixira nin a Fomento nin á Deputación, sexan da cor que sexan, para esixir unha solución a este problema.

Desde o BNG,  unha vez máis, cumprimos co noso compromiso público denunciando a situación. Quen ten a responsabilidade que lle encargaron os votos verá cales son as súas obrigas e se está disposto a exercelas.

Plan de mellora de estradas

Por outra parte, instamos o goberno do PP a poñer en marcha un plan de mellora de estrada de titularidade municipal. En xeral están en moi mal estado, feito que xa denunciamos en reiteradas ocasións como por exemplo a estrada que vai de Santo André de Vea a Frades en 2019, sen que até o momento o goberno municipal actuase sobre ela, ou tamén a que vai de Santa Mariña a Barcala.

O goberno municipal do PP ten que tomarse a serio a mellora das vías de comunicación do concello, non é de recibo tanto desleixo e desprezo polos servizos que prestan aos veciños e veciñas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

ACTOS CULTURAIS DO SALMÓN

 

Os concelleiros Juán Constenla acompañado de Oscar Durán  presentan na maña de hoxe os actos programados polo Concello para a festividade do Salmón, unha
festividade que, desgraciadamente, este ano non poderemos celebrar
como nos gustaría a todos, pero que tampouco queremos que pase
desapercibida para reactivar, na medida do posible, a actividade da
hostalaría local.
Antes de nada, deixádeme anunciar que todo o relacionado cos actos
puramente gastronómicos non poderá levarse a cabo por razóns
obvias. Como xa sabedes, a situación sanitaria impídenos, polo de
agora, concentrar a grandes cantidades de xente na rúa, polo que nos
vemos na obriga de substituír os festexos habituais por pequenos actos
culturais feitos en recintos perimetrados con controis de acceso,
distanciamento social, público sentado e as medidas hixiénicas que
sinala o protocolo.
No tocante ao apartado gastronómico, o único que se mantén en pé na
presente edición é a típica degustación de tapas de Salmón na que
participarán 20 establecementos da vila. Organizada xunto coa
Asociación de Hostaleiros da Estrada, esta desenvolverase desde o
venres 14 ata o domingo 16. O venres á noitiña, e o sábado e domingo
en horario de mañá e noite. O custo da tapa é de 2,00 €.
No que atingue ao apartado cultural, decidimos apostar por instalar un
recinto perimetrado na praza do Concello para 230 persoas no que
albergaremos unha xeira de eventos, nos que destaca a presenza de
músicos locais. É unha maneira de premiar e motivar a moitas
agrupacións estradenses que levan máis dun ano paradas ou
traballando no seu local de ensaio sen ver premiado o seu esforzo.
Deste xeito, o programa de actos, que servirá para irmandar os actos
do Salmón cos propios das Letras Galegas, contará cos seguintes
eventos:

MARTES 11 (20.30 h)
A actividade cultural comezará o martes próximo coa presentación no
Teatro Principal de dous libros centrados na figura de Manuel García
Barros. O primeiro deles é a reedición dos Contiños da Terra e o
segundo, un libro titulado Manuel García Barros. Vida, obra e
pensamento, que é unha biografía escrita polo propio biógrafo do
autor, Carlos Loureiro. Ao acto asistirá tamén unha representación da
editorial Galaxia, editora destas dúas publicacións. Todo aquel que
queira asistir a este evento, deberá recoller o seu convite no propio
Teatro Principal.
SÁBADO 15 (20.00 h)
Está previsto un concerto exhibición do Obradoiro de Música
Moderna Carlos Barruso no que intervirá o alumnado do Obradoiro
DOMINGO 16 (12.30 h)
Terá lugar o tradicional concerto do Salmón a cargo da Coral
Polifónica Estradense que xuntará a 25 dos seus membros para
ofrecer un concerto con pezas do repertorio tradicional galego

DOMINGO 16 (20.00 h)
Está fixado un concerto a cargo da agrupación vocal DE VACAS, o
grupo galego que triunfa en Internet facendo versións de coñecidos
artistas internacionais.

LUNS 17
Comezaremos ás 12.00 h da mañá co pregón das Letras Galegas na
Alameda Municipal a cargo do escritor Antonio García Teijeiro, ao
que lle porá o broche a actuación posterior da Banda de Gaitas de
Barbude

Ás 19.00 h, na praza do Concello, terá lugar un concerto a cargo da
Banda de Música Municipal da Estrada.
Comentarvos para rematar, que as invitacións para os distintos eventos
poderán recollerse no departamento de Cultura do Concello a partir
deste próximo luns día 10.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Ethel Vázquez anuncia a licitación hoxe das obras que o vindeiro ano dotarán de abastecemento as parroquias estradenses de Tabeirós e Nigoi grazas a un investimento de 715.000 €

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou a licitación hoxe das obras que o vindeiro ano dotarán de abastecemento as parroquias estradenses de Tabeirós e Nigoi grazas a un investimento de 715.000 euros.

Vázquez Mourelle, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e do alcalde da Estrada, José López, visitou o municipio pontevedrés para presentar as actuacións previstas para dotar de abastecemento os núcleos que conforman estas parroquias.

A conselleira apuntou que estas obras responden a unha solicitude do Concello da Estrada, que demandou apoio para impulsar as obras que leven o servizo básico de abastecemento ás parroquias de Tabeirós e Nigoi. Nelas existen varios núcleos de poboación que se autoabastecen a través de pozos privados nos que se xeran, con frecuencia, dificultades para garantir a auga en cantidade e calidade.

A conselleira sinalou que hoxe mesmo se publica o anuncio da licitación das obras na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, que establece un período de execución de 10 meses e dá de prazo para a presentación das ofertas ata o vindeiro 7 de xuño.

 

Explicou que, a partir desa data, iniciarase o proceso de valoración das propostas e se adxudicará o contrato, co obxectivo de iniciar as obras de abastecemento de Tabeirós e Nigoi a finais deste mesmo ano, 2021 e culminalas en 2022.

Ethel Vázquez puxo en valor a colaboración entre a Xunta e o Concello da Estrada para levar a cabo estas actuacións e apuntou que a Xunta, ademais de executar as obras, achegará o 80% do investimento, mentres que o o Concello asumirá o 20% restante.

Ethel Vázquez concretou que para dotar de abastecemento as parroquias de Tabeirós e Nigoi prevese aproveitar a rede de abastecemento en alta que capta a auga no Umia e a potabiliza na ETAP de Eiriz. Derivarase unha rede da que sairán 24 ramais, cunha lonxitude de máis de 11.500 metros, para levar o abastecemento aos distintos núcleos. A nova tubaxe discorrerá, principalmente, baixo as calzadas de vías municipais, se ben será necesario executar unha condución subterránea de 300 mm de diámetro baixo a estrada provincial situada nestas parroquias, a EP-7001.

A conselleira salientou que a para o Goberno galego é unha prioridade apoiar aos concellos na extensión ao conxunto da poboación dos servizos básicos de saneamento e abastecemento, “unha necesidade esencial que debemos blindar, especialmente, no actual contexto de cambio climático”, remarcou.

Subliñou que a Comunidade Autónoma foi pioneira coa aprobación en 2019 da primeira Lei de garantía do abastecemento, e que Galicia continúa dando pasos innovadores coa fin de blindar o subministro, acadar unha xestión máis eficiente da auga dispoñible e por reducir a vulnerabilidade fronte a eventuais episodios de seca.

Ethel Vázquez referiuse a dúas ordes de axuda “fundamentais para que os municipios blinden o subministro de auga” que se publican hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Trátase, dunha banda, da primeira convocatoria de axudas aos concellos para a adquisición e instalación de dispositivos de medición do caudal que axuden a detectar con facilidade fugas nas redes de abastecemento, que se sitúan, de media, no 30%.

A conselleira informou, ademais, da convocatoria hoxe da terceira orde de axudas para que os concellos cumpran co seu deber de dotarse de plans de emerxencia fronte á seca, cun importe total de 250.000 euros.

Apuntou que con estas axudas a Xunta presta un apoio aos concellos que lle correspondería exercer ás deputacións provinciais, tendo en conta o seu deber de auxilio aos municipios.

Publicado en Portada | Deja un comentario

“Voltamos ás andainas»

O Concello da Estrada por medio das concellerías de deportes e servizos sociais, oferta para este mes de maio o programa de roteiros “Voltamos ás andainas” 

         O programa de actividade física para maiores, consta de 4 andainas polo noso concello, e vai enfocado a persoas a partir de 55 anos empadroadas no Concello da Estrada.

         Todos os roterios teñen as prazas limitadas con grupos reducidos a 20 persoas guiados por dous monitores para cumprir a normativa vixente. Haberá que formalizar unha inscrición previa no rexistro do concello ou pola sede electrónica cumprimentando ficha e adxuntando fotocopia do DNI. No caso de rematar o prazo de inscrición e non estar cubertas as prazas de cada roteiro, abriranse as prazas a todas as idades.

         Os roteiros terán todos o memo horario de saída, ás 17 horas, e serán os seguintes:

– Mércores día 12: San Miguel de Castro-Ribeiras do Ulla. Fin prazo: día 10

– Mércores día 19: Codeseda-Ribeiras do Umia. Fin prazo: día 17

– Sábado día 22: A Estrada-Muiños de Ouzande. Fin prazo: día 20

– Sábado día 29: A Estrada-Regato de Figueroa. Fin prazo: día 27

         A distancia dos mesmos é de 10 quilómetros, cunha duración de 3 horas e quince minutos aproximadamente. Nivel de dificultade baixo.

         De existir demanda suficiente haberá servizo de transporte dende a praza do Concello ata o punto de saída nos roteiros de Castro e Codeseda os mércores.

         Cada participante poderase inscribir como máximo en duas andainas.

         Na saída de cada roteiro, darase unha peza de froita e un botellín de auga por persoa para a realización da actividade. 

 

Publicado en Portada | Deja un comentario