O BNG denuncia o estado de abandono dalgunhas vías de comunicación en varios lugares do concello

“Durante a campaña e precampaña electoral o goberno do Partido Popular activou a súa maquinaria populista, incluso de xeito literal, e o que non fixo en catro anos, tentou facelo en menos de quince días, enviando máquinas a asfaltar quilómetros de viais por parte do noso territorio, sen seguir ningún criterio lóxico, mesmo enchendo de piche algunhas pistas nas que a urxencia ou necesidade era cando menos dubidosa, en comparación con outras vías que o precisaban dun xeito máis urxente e sen embargo permaneceron no mesmo estado calamitoso no que se atopaban”, indicou a voceira nacionalista, Susana Camba.

Susana Camba coida que pasadas as eleccións tamén finalizaron dúas condicións para que o goberno local presidido por López arranxe o problema viario que sufrimos no concello da Estrada. Por unha banda, a finalización do tempo do electoralismo barato do Partido Popular, a quen agora que o sr. López xa ten o bastón de mando, non lle importa que haxa infraestruturas que sigan mergulladas no abandono, posto que ata dentro de catro anos non precisa os votos dos veciños e veciñas do rural, aínda que a xente afectada continúe sen servizo. E por outra banda, a finalización dos cartos que o BNG, dende a Deputación de Pontevedra e mediante o Plan Concellos, lle dou á Estrada para posibilitar a xestión e mellora duns recursos que non son nin de Xosé López Campos nin do seu equipo de goberno, senón de todos e todas as estradenses. O problema é que por mor da mala xestión do PP eses cartos non se aplicaron correctamente como tería sido o desexo do BNG cando facilitou esa partida económica. “Se eses cartos, no canto de saír dos impostos da cidadanía chegan a telos que poñer do seu peto, non tomarían decisións tan á lixeira, nin con fins electorais. Seguro que mirarían o céntimo e procurarían rendabilizalos de xeito práctico. Non é o caso. A dereita liberal non ten o mesmo respecto polo público que temos outras forzas políticas, con principios baseados no respecto ao colectivo e ás maiorías sociais”, engadíu Susana Camba. Polo tanto, desde o BNG esixen que se arranxen estas estradas municipais, dado que teñen un importante impacto para a comunicación veciñal, e incluso representan nalgún caso dificultades para acceder aos domicilios da veciñanza dos diferentes lugares.

No Bloque Nacionalista Galego consideran unha falta de ética gobernar só para uns cantos. O goberno municipal e o de todos e tódalas estradenses, guste ou non ao goberno local do Partido Popular. “A xestión dos recursos municipais é a súa responsabilidade e téñena que levar a cabo de xeito equitativo, sen deixar a ninguén atrás. Se non se ven capacitados terían que telo pensado antes. Agora só cabe que arranxen un problema que só está nas súas mans solucionar, e sen máis tardanza”, finalizou Camba.

 
Publicado en Portada | Deja un comentario

A iniciativa da Xunta Comercio con Talento premia a Estradense Andrea Riveiro e os establecementos composteláns Maravalla e O colmado da vila

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, entregou hoxe aos establecementos composteláns Maravalla e O colmado da vila dous dos premios do certame Comercio con talento, unha iniciativa coa que a Xunta pretende impulsar a innovación e o emprendemento no sector comercial entre o alumnado de formación profesional. Con esta acción, na que participou estudantado de ciclos formativos relacionados co comercio de toda Galicia, búscase impulsar a participación e o contacto dos estudantes coa realidade do sector, complementando a súa formación; potenciar a innovación, o emprendemento e a incorporación do talento á actividade comercial de proximidade, así como ás pemes deste sector; e incrementar o coñecemento das novas tendencias do comercio, especialmente das novas tecnoloxías.

Para participar no concurso, o alumnado estudou o comercio da súa comarca para, finalmente, seleccionar un negocio de acordo a criterios como o espazo físico, a xestión, o produto ou a atención ao cliente. Posteriormente, os participantes elaboraron un proxecto sobre o comercio elixido. Un xurado especializado escolleu os nove comercios con máis talento de entre os propostos e fixo unha preselección de cinco para ser escollidos no Facebook do Portal do Comerciante, polo que un dos 10 premios decídese polo número de “me gusta” recibidos. Os autores dos 10 proxectos gañadores reciben como premio un iPad wifi 32GB.

No caso de Maravalla, tenda de produtos cosméticos naturais situada no centro histórico, en concreto na rúa das Orfas, foi premiado a proposta de Andrea Riveiro, alumna do ciclo medio de Actividades comerciais no IES Pontepedriña. No seu traballo, destaca deste establecemento o deseño do local, o packaging do produto e o servizo e atención ao cliente, incluíndo a presenza nas redes sociais, ademais do compromiso ambiental e coa contorna.

O colmado da vila, situado na rúa Alfredo Brañas, foi galardoado grazas ao traballo presentado por Uxía Jorge Pombo, tamén alumna do ciclo medio de Actividades comerciais no IES Pontepedriña. A estudante premiada resalta que se trata dun negocio de venda a granel, responsable e sostible especializado en repostería, pero que dispón dunha ampla variedade de produtos de alimentación e utensilios de cociña

Publicado en Portada | Deja un comentario

Susana Camba: “Esta decisión do PP roza o absurdo nun concello que presume de ter a Academia Galega de Seguridade, e o alcalde non pode seguir co seu silencio cómplice como fai con todo, ten que dar a cara e pelexar para que non desapareza este ciclo”.

O BNG pide á Consellería de Educación que rectifique e manteña o ciclo de FP de Emerxencias e Protección Civil creado no curso 2015/2106 pero que ven de eliminar repentinamente deixando sen esta opción a 76 persoas que xa estaban inscritas para poder acceder a algunha das 30 prazas que se ofertaban nesta formación.

Unha decisión que o Bloque atribúen a discrepancias internas entre a Consellería de Vicepresidencia e a Consellería de Educación, despois de que non seu día acordaran crear este ciclo a través dun convenio entre ambos departamentos do Goberno de Feixóo, asinado entre Educación e a Academia Galega de Seguridade Pública, adscrita ao departamento de Alfonso Rueda.

“De maneira sorprendente e dun día para outro, despois de ter rematado o período de inscrición para o curso 2019/2020, a Xunta decidiu pechar o ciclo sen máis explicación nin razón que o xustifique que cuestións organizativas entre entidades dependentes do Goberno galego”, indica a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, para quen “resulta incríbel que órganos do mesmo Goberno sexan incapaces entenderse para manter unha titulación deixando a 76 persoas tiradas”.

Rodil avanzou que o BNG vai levar este asunto ao Parlamento, tras reunirse cunha representación da Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias e Protección Civil, xunto coa portavoz municipal na Estrada, Susana Camba, xa que a formación do alumnado depende unha parte da Consellaría de Educación a través do IES Losada Diéguez e da Academia Galega de Seguridade Pública, ambas as dúas no Concello da Estrada.

“É unha decisión inadmisíbel desde calquera punto de vista, deixa sen posibilidade de cursar esta titulación a moitas persoas que xa se inscribiran e dá, dun día para outro, por finiquitada unha formación fundamental para o futuro persoal técnico en emerxencias e de protección civil”, argumenta a viceportavoz do BNG.

De feito Rodil lembrou que recentemente “a conselleira de Educación dicía na Cámara que este ciclo era de grande utilidade para o país, co seu peche demostra que non lles importa en absoluto”. Por iso, a formación nacionalista vai levar o tema ao Parlamento pois considera “imprescindíbel” que a Xunta garanta o mantemento deste ciclo na oferta de formación profesional, como tamén reclaman desde a Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias e Protección Civil.

“Desde o BNG trasladaremos ao Parlamento as demandas do alumnado e pediremos explicacións á Xunta exixindo que se manteña esta titulación e que sexa ampliada como ciclo superior, ao igual que xa acontece noutros territorios”, concluíu Rodil.

Pola súa parte, a concelleira do BNG, Susana Camba, indicou que “esta decisión do PP roza o absurdo nun concello que presume de ter a Academia Galega de Seguridade, e o alcalde non pode seguir co seu silencio cómplice como fai con todo, ten que dar a cara e pelexar para que non desapareza este ciclo”

Publicado en Portada | Deja un comentario

CURSO UNIVERSITARIO PARA MAIORES DE 50 ANOS

A vicerreitoría de titulacións da Universidade de Santiago de Compostela, a través do proxecto Camiños
de coñecemento e experiencia, convoca na Estrada o IV ciclo de formación universitaria para maiores de
50 anos.
Este ano, o curso estará ligado ao mundo do cine, á economía circular e aos diversos estilos educativos
das familias. As clases, que se desenvolverán no MOME, comezarán o 10 de setembro e rematarán o 27
do mesmo mes. Estarán impartidas por profesorado universitario.
A inscrición poderá realizarse no departamento de Cultura do Concello da Estrada ou chamando ao
teléfono 986573601. As prazas, que están limitadas, adxudicaranse por orde de inscrición.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Berta Dávila gaña o premio Manuel García Barros

Reunido hoxe no concello da Estrada, o xurado do XXXI Premio de Novela Manuel García Barros decidiu declarar gañadora a novela Carrusel que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Berta Dávila.

O xurado, composto por Eulalia Agrelo Costas, Carlos Lema, Armando Requeixo, Inma Otero e Carlos Loureiro, actuando como secreatrio, destacou a “depuración estilística, o traballo lingüístico e o coidado das imaxes”, que nos achegan a un “mundo interior gobernado pola autenticidade dos sentimentos”.

En Carrusel, unha narradora magoada polas súas experiencias precisa revisar os camiños andados e as relacións afectivas que pularon pola súa faceta de escritora. Unha proposta narrativa construída a través de varias trabes dicursivas que, con cada reviravolta, engade un detalle que resultará fundamental para a trama na que se combina a sensualidade, a dor e a ilusión coa lóxica das ciencias como ancoraxe racional do incomprensible.

Convocado polo Concello da Estrada, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia, o XXXI Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) é un dos premios de novela de maior traxectoria en lingua galega e un dos de máis prestixioso palamarés: Marcos Calveiro, Manuel Portas, Antón Lopo, Anxos Sumai, Ana Cabaleiro… son só algúns dos autores premiados nos últimos anos aos que agora se suma o nome de Berta Dávila, quen regresa así á narrativa para adultos seis anos despois de publicar a exitosa O derradeiro libro de Emma Olsen (2013), que vai xa pola súa 5ª edición. O premio ten unha dotación económica de 9.000 euros e Carrusel será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia.

Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é autora dos poemarios Corpo baleiro (2007), Dentro (Premio Avelina Valladares, 2008) e Raíz da fenda (2013, Premio Johán Carballeira e Premio da Crítica Española). No eido da narrativa publicou Bailarei sobre a túa tumba (2008, Premio Biblos), o libro de relatos A arte do fracaso (2010), e O derradeiro libro de Emma Olsen (2013, Premio de Narrativa Breve Repsol, Premio Autora do Ano da Asociación de Editores/as en Lingua Galega e Premio da Asociación de Editores ao Mellor Libro de Ficción). O seu último libro publicado é o poemario infantil A pel do mundo (2017).

Publicado en Portada | Deja un comentario

Tequexetéldere conquista Francia

Martes 16*
9.00, reunión de organización
10.00, ensaio de apertura de festival
10.00, pasarrúas pola cidade
11.30, xantar e despois clases de baile galego a nenos dun cole/campamento
17.00, probas de son
19.00, cea
22.30, Inicio do festival e primeira actuación
 
*Mércores 17*
10.00, pasarrúas
12.00, xantar
17.20, obradoiro de bailes cos grupos de Moldavia e Xeorxia
18.00, pasarrúas
19.00, cea
20.45, inicio do festival (abrimos nós)
 
*Xoves 18*
10.00, pasarrúas
12.00, xantar
16.00, obradoiro de bailes cos grupos de Francia, Paraguai e Arxentina
19.00, actuación 
 
*venres 19*
10.00, reunión de organización
11.30, actuación en Residencia da 3 Idade en Ehoad St. German Lembròn
19.00, cea de confraternizaciòn
 
*sábado 20*
12.00, xantar
16.00, probas de son para a colaboración no concerto de Carlos Núñez
17.00, pasarrúas
18.00, actuación na Praza do Mundo en formato pequeno
19.00, cea
21.00, Participación no Concerto de Carlos Núñez
Publicado en Portada | Deja un comentario

Corenta expositores reservaron xa espazo para asistir á 33ª Feira do Moble de Galicia

Un total de 40 firmas dos sectores do mobiliario, a decoración
e os complementos formalizaron xa a reserva de espazo para asistir á 33ª Feira do
Moble de Galicia, que se celebrará no recinto feiral da Estrada do 18 ao 22 de
setembro.
Entre as firmas da contorna que xa anunciaron a súa presenza figuran Artest,
Carpintería Rivas, Nattex A Estrada, Industrias J. Cerviño e Hermanos Picaño (todas
da Estrada), Carlos Seixas (Lalín) e Piscinas Míguez (Cuntis). A maiores, a Fundación
de Exposicións e Congresos agarda confirmar nos vindeiros días a participación
dalgún fabricante estradense máis.
En canto á participación foránea, destacan varias firmas de mobiliario portuguesas que
repiten trala última edición (Rocha´s Mobiliario, París Home e Muebles Portugueses
Loureiros) e tamén, no ámbito do menaxe e os complementos, expositores que
chegarán de Valladolid, Alicante, Toledo, Ciudad Real, Asturias e Bizkaia.
Sorteo do mobiliario dun apartamento
No ámbito da promoción, a Fundación de Exposicións e Congresos comezará a
intensificar nas vindeiras semanas as accións publicitarias e de comunicación, para
Contacto: 673 156 204 (Alberto J. Rey)
lembrar que o público asistente á feira poderá participar no sorteo do mobiliario dun
apartamento. Esta acción promocional conta coa colaboración da Asociación de
Fabricantes e Comerciantes de Mobles da Estrada. Ademais, tamén se sortearán
estancias en casas de turismo rural da contorna, en colaboración coa asociación Mar
de Compostela, e varias ceas, co patrocinio de O Asador de Leo.

Publicado en Portada | Deja un comentario