A concelleira de Asuntos Sociais cualifica de óptimo o funcionamento do Espazo Concilia

A concelleira de Asuntos Sociais, Amalia Goldar, visitou hoxe as instalacións do Espazo Concilia, do que dixo que estaba en óptimas condicións de funcionamento. Tras analizar o labor e observar o desenvolvemento das actividades no centro durante as últimas edicións, a concelleira asegurou que está moi satisfeita co servizo.

Actualmente, e ata o vindeiro 28 de agosto, está aberto o período de matrícula correspondente ao próximo curso escolar para o espazo, que conta cun límite de 45 prazas en diferentes quendas, para as que teñen preferencia os alumnos previamente apuntados e que fixeron unha prematrícula entre os meses de maio e xuño.

Non obstante, a concelleira afirmou que aínda hai dispoñibles arredor de 30 prazas neste espazo, onde os nenos están “ben atendidos” e resaltou a implicación do Concello á hora de botar unha man ás familias da localidade á hora de conciliar a vida laboral e familiar mediante este tipo de iniciativas.

Na actualidade non están acudindo todos os nenos matriculados, posto que moitos dos rapaces inscritos están nestas datas nos campamentos de verán ou de vacacións coa familia, e precisamente porque non é habitual que todos os nenos matriculados estean á vez nas instalacións, a concelleira lembrou a existencia de bonos, que se poden empregar en función da capacidade e que os pais de rapaces non inscritos poden adquirir para ocasións puntuais.

Deste xeito, se precisan deixar aos cativos no centro para atender calquera cuestión, poderían facer uso dun destes bonos, un día ao prezo de 6 euros ou cinco días a 25 euros, e que se poden adquirir no departamento de Servizos Sociais da Casa do Concello. Os bonos non caducan ata que remata o curso escolar.

O Espazo Concilia, sito na Rúa Padrón, no primeiro andar do Novo Mercado, ten un horario de apertura das 15:30 ás 20:30 horas, de luns a venres nos períodos lectivos; das 8:30 ás 13:30 os sábados e das 9:00 ás 14:00 horas, durante os períodos non lectivos.

Actualmente está aberto en horario de verán, de 9:00 a 14:00 horas ata o día 11 de setembro, e a partires do 12 de setembro, día no que comeza o novo curso escolar, adoptará o horario especificado para o período lectivo.

Para terminar, a responsable de Servizos Sociais lembrou que para realizar a matrícula é requisito indispensable que un dos pais estea traballando e que a orde das listas establécese en función da renda dos proxenitores.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello da Estrada aclara as dúbidas sobre a economía local á oposición

O concelleiro de Facenda, Alberto Manuel Blanco, aclarou hoxe as actuacións que se están a levar a cabo dende o Concello da Estrada para acabar cos reparos e sobre a execución do presuposto sobre as que os partidos da oposición plantexaron dúbidas ante os medios.

Respecto ás acusacións do Grupo Móvete, nas que afirmaban nos medios que dende o Concello non se estaba facendo nada para acabar cos reparos, Blanco explicou hoxe que grazas ao acordo marco coa FEMP, acadouse o “primeiro acordo administrativo da historia do concello da Estrada”, a través do cal se conseguiu baixar o importe da factura eléctrica e englobar todos os cargos eléctricos nunha factura única, afirmou.

Esta última medida, a da implantación da factura eléctrica única acaba coa problemática dos reparos no departamento de Intervención do Concello, xa que a maioría deles van desaparecer unha vez solucionado isto; polo que queda claro que se tomaron as medidas axeitadas para atallar a incidencia dende a Casa Consistorial.

O concelleiro advertiu de que non só se trata de dar os porcentaxes correctos, senón que o PSOE omitiu que no último período se pasou a un total de 6.730.000 euros, multiplicándose por once a capacidade inversora do Concello dende 2017.

Executáronse actualmente 2.259.000 euros, e o restante queda ligado, fundamentalmente á Edusi, aclarou o concelleiro, que insistiu en que os datos económicos do Concello son positivos, con remanentes de crédito de máis de cinco millóns e de tesouraría de máis de tres.

Para rematar, o responsable de Facenda lembrou que as contas do Concello aparecerán publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, no que todas as persoas interesadas poderán estudalas e presentar alegacións, de darse o caso.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada pecha o mes de xullo con 32 parados menos

A Estrada pecha o mes de xullo con trinta e dúas persoas menos en situación de desemprego na localidade. Esta baixada deixa no concello un cómputo total de 1.184 persoas desempregadas na actualidade.

Dentro deste total de persoas desempregadas, 1.129 están integradas na categoría de maiores de 25 anos, sendo este conxunto o que presenta maior dificultade para inserirse no mercado laboral, mentres que, atendendo ao xénero, son as mulleres as que acusan unha maior taxa de desemprego, con 694 delas paradas, o que representa o 58,6 por cento do total, fronte ao 41,4 por cento de homes en paro, que constitúe un conxunto de 490 individuos.

Clasificados os datos por sectores, é o sector servizos, que engloba a 759 parados, o máis castigado polo desemprego; seguido pola construción e a industria, con 156 e 133, respectivamente. É o sector primario, de agricultura e pesca o que rexistra unha cifra menor de parados, con 40 individuos, seguido das 96 persoas que se entregan por vez primeira á busca de emprego.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A CONTA XERAL DE 2017 AMOSA A INEFICIENTE EXECUCIÓN DO GOBERNO DE JOSÉ LÓPEZ

En 2017 o goberno local deixou sen executar dous tercios dos orzamentos de inversións.

“A conta xeral 2017 do Concello da Estrada recolle un aforro neto e superávit positivo, sen embargo agocha tras de si que o goberno municipal non é quen de executar o que publicitan ante os vecinos.” En 2017, no capítulo de investimentos reais o goberno encabezado por José López deixou sen executar un 66,44 %. Esto é, dos 6.732.073,93 € que se recollen neste capítulo da conta xeral só figuran como executados en 2017 2.259.312,50 (un 33,56 %)

 

A conta de 2017, que se rende fóra de prazo, reflexa 20.600.903,49 € de créditos definitivos a favor do Concello, pero o goberno municipal só foi quen de executar o 73 % (grado de execución sobre o orzamentos), sendo incluso inferior ao executado en 2016. Ademáis, a 31 de decembro o goberno local deixou pendente de ordenar o pago dun total de 105.334,51 € e como ordes de pago pendentes un total de 607.167,12 €.

 

 “Un ano máis, o gobernó do PP da Estrada presume de resultado contable obviando a realidade, as necesidades anuais dos veciños e veciñas están sen atender porque a execución do goberno local cada ano é peor que a do ano anterior. Os datos reflexan o que os socialistas levamos dúas lexislaturas denunciando, que José López e o PP local xogan cos vecinos e veciñas deixando de atender as necesidades dos estradenses e empregan os orzamentos municipais para tentar comprar votos en vésperas electorais, ata o propio alcalde o recoñece en sede plenaria: “un sprin antes das eleccións”. A conta xeral reflexa que os orzamentos achegados por outras administracións (Deputación, Xunta, Estado) para inversións se contabiliza pero se deixa a maior parte sen executar á espera da proximidade das eleccións municipapis”. 

 

 

Grupo Municipal Socialista

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello da Estrada pide ao Sergas un segundo médico para o PAC durante o verán

Despois do ocorrido o pasado sábado no PAC (Punto de Atención Continuada) da Estrada, o Concello solicitará e insistirá ante o Sergas na necesidade de ter cubertas as vagas de técnicos necesarios para atender as necesidades do concello e a súa área de influencia, que é moi extensa en materia de sanidade, como explicou hoxe o alcalde en funcións, Juan Constenla.

Dende o Concello da Estrada, e tras ter coñecemento da triste noticia do falecemento do paciente, quérese, ante todo, transmitir aos familiares todas as condolencias e o pesar pola súa perda, declarou Constenla.

Foi unha fatalidade o acontecido co paciente, na que o médico de garda tivese que facer un traslado urxente a Santiago, sinalou, para acto seguido exaltar a necesidade de que se manteña no PAC estradense o persoal habitual da época do inverno durante todo o ano; con dous médicos en urxencias destinados a cubrir as necesidades da poboación.

Como remate, o concelleiro sinalou que tamén hai que ter en conta o aumento de poboación que experimenta o municipio durante a época estival, polo que reclamou que se manteñan os servizos durante todo o ano así como un aumento de número de horas durante as fins de semana e, unha vez máis, instou ao Sergas a que estudie as necesidades reais do concello en materia de sanidade.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Entradas ao teatro para fomentar a doazón de sangue

O Concello da Estrada sorteará entradas para o teatro a fin de fomentar a doazón de sangue durante a época estival. A campaña de doazón comezará coa primeira visita da unidade móbil á localidade, entre o 23 e o 25 de agosto, e rematará coa terceira, en outubro, trala cal, se realizará o sorteo.

O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, confirmou que se sortearán un total de 43 entradas de palco (unha por doante) para a actuación elixida; o monólogo de Luis Piedrahita, Las amígdalas de mis amígdalas son mis amígdalas, que o humorista representará no Teatro Principal da Estrada o vindeiro 9 de novembro.

Trátase así, dende o Concello, de incentivar a doazón de sangue, que sempre decae na tempada estival e tratar de acadar entre as 40 e 60 doazóns por cada mil habitantes recomendada pola Organización Mundial da Saúde, explicou o concelleiro.

A primeira visita da unidade móbil do Sergas terá lugar entre o 23 e o 25 de agosto para levar a cabo esta nova campaña de doazón. O vehículo situarase na Praza do Concello en horario das 10 ás 14 horas e das 16 ás 21 horas o xoves 23 e o venres 24; mentres que o sábado 25 atenderá aos doantes das 10 ás 15 horas.

Constenla animou aos veciños a participar na campaña e lembrou unha serie de recomendacións á hora de doar sangue, como que ninguén acuda sen almorzar, que se agarden dúas horas despois do xantar antes da doazón e que se informe ao médico da toma de calquera medicamento. Ademais, recordou que todas as persoas que se acheguen á unidade móbil deben ir provistas do seu DNI e que para poder doar hai que ter entre 18 e 65 anos e pesar máis de 50 quilos.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello aclarará hoxe as dúbidas sobre o campamento do mar

O Concello da Estrada celebra hoxe unha reunión para aclarar dúbidas sobre o campamento do mar aos familiares dos rapaces e rapazas admitidos. A xuntanza terá lugar ás 20:30 horas no Salón de plenos do Consistorio.

Os técnicos do Concello informarán aos pais dos rapaces acerca de cuestións como cal é a roupa axeitada para levar durante a estadía, as normas de conduta que deben seguir os cativos, que informen sobre se algún deles precisa de tomar algunha medicación ou padece algunha alerxia e atender as distintas dúbidas e preguntas que os asistentes poidan ter.

Publicado en Portada | Deja un comentario