5 anos de loita nos xulgados para poder cumprir a vontade dos veciños en balde
A obra que pretende executar o goberno municipal nas beirarrúas de Codeseda, responde a unha total incoherencia do actual goberno municipal con respecto a este proxecto.
O proxecto aprobado polo goberno de López Campos en Outubro de 2012 non recolle a vontade dos veciños, nin o espírito das sentencias xudiciais que dan a razón ao Concello. “Esta falta de coherencia debe ser o que o Alcalde define como proxecto axustado á realidade, mágoa que a realidade de López Campos, unha vez máis, sexa ben distinta da dos veciños e veciñas”, ironizou a portavoz socialista.
A finais de 2012 facíase pública a sentencia do TSXG na que se recoñecía a titularidade pública dos terreos necesarios para, 5 anos despois, poder rematar as beirarrúas en A Sagrada, Codeseda, executando a vontade dos veciños da parroquia, continuar o proxecto na liña dos tramos xa realizados, e habilitar espazos de aparcamento.
No Pleno ordinario de febreiro o grupo municipal socialista preguntaba ao goberno municipal cal era o proxecto que ía ser executado, respondendo o Alcalde que se ía realizar un proxecto “axustado á realidade, que ten en conta as últimas novidades en materia de titularidade dos terreos”. Á vista do expediente facilitado dende o Concello, compróbase que toda a loita levada a diante, por vía legal, para a recuperación da titularidade pública dos terreos afectados non se plasma no proxecto, posto que non se respectan os acordos cos veciños e veciñas no referente á reformulación do remate da obra. O proxecto que o goberno de López Campos pretende executar non materializa a solicitude dos veciños de Codeseda, nin os dereitos derivados das sentencias xudiciais en favor do Concello.
PSdeG PSOE de A Estrada






































