BNG: "A Estrada podería ter até 10 dedicacións exclusivas e 7 persoas en cargos de confianza"

Valoración BNG presuposto 2013O Anteproxecto de Lei de racionalización e sustentabilidade na administración local, aprobado recentemente polo Goberno central do PP, non fará máis eficientes nin máis sustentábeis aos concellos galegos, reforzará o papel das deputacións provinciais e deixarán de prestar servizos esenciais a todas as galegas e galegos.

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, referiuse hoxe ao Anteproxecto de Lei de racionalización e sustentabilidade na administración local, aprobado recentemente polo Goberno central do PP, afirmando que “se trata dun esperpento que non busca a eficiencia orzamentaria dos concellos senón afundilos na miseria e con eles aos seus veciños e veciñas”.

O concelleiro nacionalista explicou que “de aprobarse este anteproxecto de reforma da administración local, o noso concello podería contar con até 10 dedicacións exclusivas, cun soldo de até 37.600 €, e 7 persoas en cargos de confianza, algo inasumíbel para un concello como o noso”.

“O goberno central indica que con esta reforma perséguese a estabilidade orzamentaria dos concellos”, indicou Xosé Magariños, “porén, no BNG pensamos que o que persegue o PP é ter manga ancha para pagar favores a costa de todas e todos”.

“Por outra parte”, explicou o concelleiro do BNG, “a intención prioritaria desta reforma do réxime local é reducir e adelgazar o ámbito de actuación dos concellos, cun recorte severo dos servizos que prestan, aínda que disfrazado do eufemismo “evitar duplicidades” que castigará precisamente ás persoas con menos recursos económicos”. “Non hai unha verdadeira intención de racionalizar, pois curiosamente quen sae reforzada nesta reforma é a institución provincial que é o ente máis prescindíbel do entramado institucional actual”, afirmou Xosé Magariños.

“E non é menos grave a homoxeneización de todos os concellos galegos aos do resto do Estado, como se en Galiza non tivéramos un xeito determinado de asentármonos no territorio con todo o que iso supón para a administración local”, explicou o concelleiro do BNG; “é dicir, “ engadiu Magariños, “o PP pensa que os concellos galegos son como os de Albacete”.

“Neste sentido”, indicou Xosé Magariños, “rexistramos unha moción no concello para rexeitar de plano este Anteproxecto que non fará máis eficientes, nin máis sustentábeis, nin máis racionais, … etc, ao contrario, deixarán de prestar servizos esenciais deixándoos en mans das Deputacións, que, como é sabido, forman parte do entramado caciquil do PP”.

Redacción: BNG de A Estrada

Esta entrada fue publicada en Política, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta