Na xornada de onte os veciños estradenses recibiron con estupor a nova da presunta implicación do alcalde Don Xosé López no amaño dunha oposición da cal se facía eco un xornal de tirada nacional. Ante estas acusacións nas que se aporta como proba unha conversación do concelleiro de deportes có demandante, gravada sen o consentimento do primeiro, o rexedor acompañado de Don Ismael Pena restoulle importancia a nova, algo que xa esperaba e defende a legalidade de todos os procesos selectivos realizados. Respecto a este contrato unha vez finalizado «o que fixo este goberno foi respetar a legalidade, sacar unha nova oposición e nesa nova oposición, me parece que se presentaron 6 persoas, 6 ou 7 aspirantes i el non aprobou, e o non aprobar, créndose no dereito de ter esa praza inicia o seu trámite xudicial» explica o alcalde, procedemento no que xa se aportaran as gravacións e que o xuíz desestimou. O señor Pena quixo deixar claro que el en ningún momento dixo que esas oposicións foran amañadas como se indicaba nun medio de comunicación.
Ante esta nova os primeiros en pronunciarse foron os integrantes do BNG de A Estrada que por medio de Don Xosé Magariños e Don Xosé Manuel Baños pediron a dimisión do alcalde Don Xosé López, a quen cualifican dun aprendiz de Baltar, e do responsable de persoal do concello.
Por parte do grupo municipal socialista realizan a seguinte valoración:
» Con preocupación recibimos a información publicada no día de hoxe, trátase de acusacións moi graves e que sitúan á Estrada, a nivel nacional, en entredito. A información sitúa ao Alcalde como responsable e indutor da comisión de un presunto delito, feito que xera unha importante alarma e desacougo entre os estradenses e que prexudica gravemente á Estrada a todos os niveis.
A Xustiza xulgará a denuncia e resolverá, pero o goberno municipal, o Alcalde e as persoas aludidas, deben aclarar a situación, algo que dende logo non se fai evadindo o tema con un simple ‘carece de importancia’.
Como grupo municipal solicitamos a convocatoria urxente de unha Comisión de organización, persoal e asuntos xerais para tratar este tema e valoralo en toda a súa importancia. »
Fotografía: Mariana Dono
Gravación e Redacción: Iria Eiras






































