Entrañable homenaxe a Xosé Antonio Ortigueira polas súas Vodas de Prata Sacerdotais

IMG_6314O pasado domingo a parroquia de San Paio rendíalle un afectuoso homenaxe a Xosé Antonio Ortigueira Barros polas súas Vodas de Prata sacerdotais.

A celebración comezou, como non podería ser de outro xeito, con unha misa solemne cantada pola Coral Polifónica Estradense. Na homilía o párroco sorprendeu aos fieis cantando a capela “Que detalle Señor has tenido conmigo”. Posteriormente contou algunha anécdota da súa nenez aproveitando que tamén se celebraban varias comuñóns e un bautizo. O sacerdote, nado en Caldas de Reis, relatábanos como o seu nome ven tomado dos nomes dos seus padriños bautismais, como comunmente se facía por aqueles tempos, e como rachou o pantalón o día da súa Primeira Comuñón e o remendou coa complicidade da súa tía. Pechou a homilía agradecendo aos organizadores da homenaxe, dos grupos parroquiais, civís e veciños que o arroupaban neste día.

Trala misa a banda de Gaitas de Barbude esperaba na Praza da Igrexa para amenizar a saída, onde interpretou varias pezas para deleite dos presentes.

IMG_6421E como vos galegos ningunha celebración é festa sen a súa correspondente comida. O xantar tivo lugar no restaurante Sala Gradín ao que acudiron preto de 300 comensais que quixeron acompañar a Xosé Antonio neste día mostrándolle o seu cariño e aprecio. Acudiron entre outros o reitor do Seminario Menor, Manuel Ferreiro, en representación do Arcebispo, tamén estiveron presentes diversos colectivos parroquiais coma o da catequese, cáritas, fillas de María, adoración nocturna, colaboradores litúrxicos e camareiras do templo, os curas de Vea e a agrupación San Paio. Entre as autoridades civís encontrábase unha importante representación dos grupos municipais PSOE e PP, a deputada Carmen Cajide, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e representación das asociacións de empresarios, Fillos e Amigos de A Estrada e Duque de Segorbe.

IMG_6490Ao final do xantar os colectivos e veciños fixéronlle entrega ao párroco de varios agasallos. Unha placa conmemorativa, unha pomba de Sargadelos, un Cadro Versus biográfico, diversos obxectos de oficina, libros de literatura galega e o agasallo máis importante, palabras de cariño e agradecemento ao sacerdote polo que dou, dá e dará á Estrada e o seu entorno.

Grazas por todo Xosé Antonio, grazas pola súa labor como párroco, veciño e por encima de todo amigo. Parabéns.

Nota de Xosé Antonio Ortigueira

IMG_6529“Despois da celebración desta homenaxe con motivo das vodas de prata sacerdotais quero agradecer a comisión organizadora, formada por membros dos grupos parroquiais, a preparación do mesmo, así como, a presenza dos representantes municipais encabezados polo alcalde Don Xosé López. Agradecer a súa presenza a todos os que facendo un esforzo importante quixeron compartir este día de festa. Agradecer tamén a aqueles que querendo estar presentes non poderon por distintas razóns, pero fixéronme chegar as súas congratulacións e bos desexos por esta celebración. Por último dar as grazas a Deus e facer memoria daqueles que tamén lles gustaría celebrar este día e que xa non están con nós.

A vosa presenza é a razón para que a ilusión e a esperanza se fagan cada día máis presentes na miña vida e enchan de ledicia cada día. E para rematar dar grazas a Deus que é a razón primeira e última das nosas vidas.”

Currículo Xosé Antonio Ortigueira Barros

IMG_6350Nado en Caldas de Reis foi ordenado sacerdote o 12 de Marzo de 1988 por Rouco Varela.

Durante sete anos foi formador no Seminario Menor.

Dende 1994 exerce a súa labor pastoral nas parroquias de Matalobos, Toedo e Santeles, nesta última ata o ano 2004.

Dende 1995 é profesor nos institutos estradenses.

En 1999 colle tamén a administración da parroquia de Couso. Neste ano tamén é nomeado Arcipreste de Vea ata o ano 2010 e Arcipreste de Vea-Tabeirós ata a actualidade.

No ano 2004 é nomeado administrador parroquial de A Estrada e Ouzande e entra a formar parte do Departamento de financiamento do Arcebispado.

Fotografías e Redacción: Iria Eiras

Esta entrada fue publicada en Educación e Sociedade, Igrexa, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta