A Plataforma de Emigrantes Retornados de A Estrada ten xa recollidas máis de 500 sinaturas

IMG_2600A Plataforma de Emigrantes Retornados da Estrada xurdida após ao acto do BNG do mércores da semana pasada, sobre o que nós entendemos un trato inxusto por parte da Axencia Tributaria, non pode senón felicitarse pola boa acollida por parte de todos estradenses. Ao longo de toda esta semana foron moitas as mostras de apoio e solidariedade recibidas, que se plasman nas máis de 500 sinaturas recollidas en tan só uns poucos días.

Máis no só recibimos mostras de apoio, senón chamadas de moitos emigrantes retornados que se atopan en idéntica situación, que viven alén das fronteiras deste concello, algunhas moi preto, como Cerdedo, Cuntis ou Forcarei, mais tamén de Ourense. Todas estas chamadas veñen a demostrar que estamos perante un problema social e económico moi grande para moitas familias, un problema que só ten unha solución política, que lle corresponde dar ao Partido Popular, que agora ten as responsabilidades do goberno central.

Continuaremos coa recollida de sinaturas, nas que solicitamos a revogación dos expedientes xa iniciados e devolución do pagado, a anulación dos expedientes sancionadores, que pare xa o cobro abusivo de intereses de demora por parte da Axencia Tributaria e modificación da lei para garantir a igualdade de trato para as persoas emigrantes retornadas. Mais non
descartamos emprender outro tipo de medidas nos próximos días, no sentido de presionar ao partido no goberno para que lle dea unha solución satisfactoria.

Aproveitamos a ocasión para informar dunha nova asemblea informativa que levaremos a cabo o vindeiro venres 20, ás 20 horas, no Teatro Principal. Neste acto contaremos coa presenza de Otilia Otero Moldes, funcionaria da Axencia Tributaria, que nos proporcionará información técnica de utilidade para todos os emigrantes retornados que se atopen nesta situación problemática. Con todo somos conscientes, e insistimos, en que a solución é
inescusablemente política.

Tamén habilitamos unha páxina en Facebook para dar a coñecer todasas nosas actividades. O seu enderezo é http://www.facebook.com/aestrada.per onde todos os veciños poderán estar ao tanto das nosas actividades, así como contactar con nós, cousa que tamén poderán facer no correo electrónico aestrada.per@gmail.com

Redacción: Plataforma de Emigrantes Retornados de A Estrada

Fotografía: Iria Eiras

Esta entrada fue publicada en Asociacións, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta