A reforma da Lei de Demarcación e Planta Xudicial avoga pola demarcación provincial, afastando a Xustiza dos cidadáns.
O grupo municipal socialista da Estrada presentou no Rexistro do Concello unha moción para o seu debate en Pleno, na que denuncia “o serio risco de desaparición que corre o Partido Xudicial da Estrada e os seus xulgados” de acordo á proposta de reforma da Lei de Demarcación e Planta Xudicial na que está a traballar o Goberno. Os socialista piden que “se manteña a demarcación e planta vinculada aos territorios, con partidos xudiciais como estrutura territorial dos Tribunais de Instancia, suprimindo que o seu ámbito sexa provincial e deixando sen efecto a recentralización proposta en favor das capitais da provincia”.
O Ministerio de Xustiza fixo pública, a través da súa páxina web, a Proposta de texto articulado da Lei de Demarcación e de Planta Xudicial e da Lei Orgánica do Poder Xudicial. A proposta establece tribunais de instancia como novos órganos xudiciais de primeiro grado en tódalas ordes xurisdicionais. Ao ser de ámbito provincial non coincidirán cos actuais partidos xudiciais.
Segundo os socialistas, “a proposta presentada polo PP supón a desaparición dos partidos xudiciais, especialmente no medio rural, ameazados de supresión ou dunha perda de funcións tal que os convertería en pouco máis que sedes administrativas; o PP propón que a demarcación xudicial pase a ser a provincia”, informou a portavoz socialista Belén Louzao.
Os socialistas acusan tamén ao Ministro Gallardón de faltar a súa palabra cando no pasado mes de xullo dixo que non suprimiría ningunha sede xudicial, xa que de levarse a efecto a proposta, as sedes xudiciais pasarían a estar radicadas só nas capitais de provincia. “Os integrantes do PP menten unha e outra vez aos cidadáns, parece parte do seu ideario. Mentiron cando dixeron que non ían subir os impostos e agora os estradenses teñen que pagar máis de Contribución polas casas que nunca; mentiron cando dixeron que non ían tocar a sanidade e agora hai que pagar os medicamentos; mentiron cando dixeron que non ían facer recortes en educación e agora recortan en profesores, becas e soben o prezo dos comedores escolares. Agardamos que neste tema o Alcalde se poña do lado dos cidadáns e non do PP, agardamos que non minta como fai cando di que o Concello non ten cartos, mentres se permite tirar 1,3 millóns de euros nun campo de fútbol. Agora é cando o Alcalde López Campos e os seus Concelleiros se teñen que mollar e loitar polo mantemento dos Xulgados na Estrada, xa non se trata de facer fotos propagandísticas os venres diante do Rexistro Civil da Estrada ou con Feijoo no despacho, agora hai que defender aos cidadáns e non venderlles publicidade valeira de contido”
A Proposta de modificación de demarcación e planta xudicial segue a mesma liña que ven imprimindo o PP as súas reformas, xa sexa dende a Alcaldía, a Xunta ou o Estado: desmantelamento dos servizos públicos. “Co pretexto dun suposto aforro o que realmente vai facer o PP é centralizar e afastar a xustiza dos cidadáns, impedindo que se facilite a tutela xudicial. Unha vez máis queda claro que ao PP non lle importa o interese dos cidadáns”.
Redacción PSdeG PSOE de A Estrada
Fotografía: Iria Eiras






































