O Entroido da Ulla celébrase en vinte e sete lugares dos concellos de Boqueixón, A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.
A colaboración entre os Concellos, que comezou en novembro de 2011 e se concretou nun protocolo de colaboración asinado o tres de febreiro do 2012, foi clave para obter o recoñecemto.
O Pazo de Raxoi acolleu unha xuntanza de Alcaldes e concelleiros de Boqueixón, A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces para valorar o recente recoñecemento por parte da Xunta de Galicia do Entroido dos Xenerais da Ulla como Festa de Interese Turístico de Galicia.
Os representantes municipais quixeron destacar e agradecer o traballo dos veciños das parroquias dos seus respectivos Concellos onde se celebra esta tradición, xa que son os propios veciños os que manteñen vivo este particular Entroido que se remonta ao século XIX e que hoxe en día conta cunha alta participación, crecente ano tras ano.
Os oito Concellos comezaron a traballar conxuntamente na promoción dos Xenerais da Ulla en novembro de 2011. O traballo conxunto concretouse na sinatura dun protocolo de colaboración que tiña como obxectivo xeral promocionar dun xeito unificado as diferentes celebracións que teñen lugar en distintas parroquias dos oito concellos. Con este cometido, elaborouse a web www.xeneraisdaulla.com e editouse material promocional, coa colaboración das deputacións de A Coruña e Pontevedra.
Pero ademais, o protocolo de colaboración, que se asinou o tres de febreiro de 2012 no Pazo de Raxoi, tiña como obxectivo específico conseguir o recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia, para o cal se elaborou un de modo conxunto un dossier sobre a celebración que serviu como base para a obtención do recoñecemento.
Para 2014, nos días anteriores á celebración deste Entroido tradicional, que o ano que vén se celebrará entre o 22 de febreiro e o 9 de marzo, ademais das actividades que xa se viñan realizando coelctivamente –folletos, carteis, web, presentacións, etc.- prevese a elaboración dun programa de actividades conxuntas dos oito Concellos, que inclúe o recoñecmento institucional aos veciños implicados, unha exposición ou un encontro de Xenerais, entre outros. Con estas accións preténdese continuar afondando no recoñecemento dos Xenerais e promocionar turisticamente esta senlleira tradición.
O Entroido da Ulla remonta as súa orixes a primeira metade do s. XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese século: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas. Así os seus principais protagonistas son vistosas figuras que recrean estes momentos históricos.
As personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun “exército” de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón, acontecidos durante o ano.
Redacción e Fotografía: Departamento de Cultura






































