Concello da Estrada e Xunta lembran o día 16 na Cidade da Cultura os 25 anos de traxectoria do Premio de Novela Manuel García Barros

IMG_2649- Programan un evento na Cidade da Cultura que reunirá á meirande parte dos escritores gañadores, que recibirán unha serigrafía creada para a ocasión polo artista estradense Ramiro Cimadevila

- O evento contará coa actuación do pianista Javier Otero e a presenza do conselleiro de Cultura, o presidente da RAG e o alcalde da Estrada

O Concello da Estrada, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, lembrarán o vindeiro sábado 16 de novembro cun acto programado conxuntamente os 25 anos de traxectoria do Premio de Novela Manuel García Barros, creado en 1989 e que actualmente está considerado un dos certames de narrativa máis importantes da literatura galega.

Co gallo da conmemoración do 25 aniversario da creación deste premio de novela teñen previsto programar diversas actividades para celebrar a consalidación do certame e impulsar  a súa difusión e coñecemento en toda a comunidade galega.

En primeiro lugar, o pasado setembro Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, o alcalde Xosé López, Carlos Loureiro, secretario do premio e Carlos Lema, director da editorial Galaxia, acompañados da familia de Manuel García Barros presentaron a páxina web www.premiogarciabarros.com, que lembra a historia e as anécdotas do premio e pon en valor os traballos considerados xa figuras de referencia da literatura galega contemporánea.

IMG_2709Ademais, de xeito complementario ao tradicional acto de entrega do premio de 2013 á gañadora desta edición, Anxos Sumai, celébrase este evento na Cidade da Cultura que tentará reunir a todos os escritores vivos que ao longo dos 25 anos de historia do certame foron merecentes da súa máxima distinción.

O acto pretende promocionar e difundir en toda Galicia os valores e a aposta cultural e literaria do premio estradense co gallo da súa vixésimo quinta edición. Para iso, reunirá á meirande parte dos escritores gañadores do certame dende 1989, entre os que se atopan algúns dos autores máis importantes da literatura galega contemporánea. Xa confirmaron a súa presenza no evento escritores como Alfonso Álvarez Cáccamo, Xerardo Agrafoxo, Francisco Castro, Xesús Constela, Antonio Piñeiro, Bieito Iglesias ou Anxos Sumai. En recoñecemento á súa contribución á consolidación do premio e á construción do seu prestixio actual, todos eles recibirán unha serigrafía creada especificamente para a ocasión polo artista estradense Ramiro Cimadevila.

IMG_2658A vinculación do Concello da Estrada co eido da cultura estará presente durante todo o acto, posto que será presentado pola xornalista local Mireia García e contará coa actuación do pianista estradense Javier Otero. Tamén están previstas as intervencións do conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad; do presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero; do alcalde da Estrada, José Carlos López Campos; dun representante da editorial Galaxia, encargada da publicación das obras gañadoras dende o ano 2000; e dun dos escritores gañadores, en nome de todos os seus compañeiros de galardón.

Ademais, tamén terá un protagonismo especial o IES Manuel García Barros da Estrada, xa que os seus estudantes de Literatura Galega de 2º de Bacharelato participaron na gravación dun vídeo sobre a traxectoria do premio que se proxectará durante o evento. Un grupo destes alumnos tamén estará presente no acto xunto ao seu profesor, Carlos Loureiro, recente premio San Martiño de Normalización Lingüística, que será o encargado de facer un percorrido pola figura de Manuel García Barros. Loureiro é o actual secretario do premio de novela e tamén un gran estudoso da biografía do escritor estradense que dá nome ao certame.

IMG_2715O Concello da Estrada e a Consellería de Cultura pretenden converter o acto nun recoñecemento ao 25 aniversario do premio e outorgarlle a debida visibilidade no panorama cultural e literario de Galicia. Por iso, preténdese contar coa presenza dos responsables das editoriais vencelladas á historia do certame, das fundacións de escritores de Galicia, dos colectivos de escritores e das institucións culturais.

Tamén se pretende pór en valor o traballo da Estrada a prol da cultura galega coa presenza das súas asociación culturais, os seus colexios e institutos e os seus autores. Asemade, a familia de García Barros contará cun papel protagonista no evento e recibirá un pequeno agasallo de mans do conselleiro de Cultura.

Pódese seguir a actualidade do premio a través das redes sociais no facebook: Premio de Novela Manuel García Barros, e no twitter: Premio García Barros (@kenkeirades).

Redacción: Departamento de Cultura

Gravación e Fotografía: Iria Eiras

Esta entrada fue publicada en Cultura, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta