Promoción Económica programa unha visita ao Viveiro de Empresas para potenciais emprendedores interesados

Oscar Duran O concelleiro Óscar Durán ensinaralles as instalacións e o equipamento e explicará o proceso para a adxudicación dos postos de traballo 

 Adianta que «o viveiro funcionará como un área de co-working, cun espazo aberto semellante ao xa existente na Cidade da Cultura»

O concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán, anunciou hoxe a posta en marcha do proceso para a concesión dos 10 espazos de traballo existentes no Viveiro de Empresas situado no primeiro andar do Novo Mercado. Segundo indicou, o primeiro paso do proceso consistirá en realizar unha visita ás propias instalacións do Viveiro de Empresas o vindeiro venres ás 11.00 horas cos emprendedores que poidan estar potencialmente interesados en instalarse no viveiro.

«Trátase dunha visita preliminar de carácter informativo, que non compromete a nada, senón que unicamente ten como finalidade amosarlle as instalacións, os equipamentos e os servizos que prestará o Viveiro de Empresas a todos aqueles emprendedores que poidan estar interesados en optar a un espazo de traballo», explicou Óscar Durán. Neste senso, lembrou que o Viveiro de Empresas está orientado a persoas físicas ou xurídicas con proxectos de creación dun negocio ou que estean xa en funcionamento e teñan unha antigüidade inferior aos 3 anos a contar dende o comezo da actividade.

En canto á tipoloxía dos beneficiarios, o concelleiro de Promoción Económica explicou que este Viveiro de Empresas «está concebido principalmente para empresas, profesionais liberais ou emprendedores do sector servizos que non precisen dunha infraestrutura física moi ampla e que baseen a súa actividade en certa medida a través da utilización de servizos telemáticos».

Entre a variedade de colectivos empresariais e profesionais que encaixarían no viveiro atópanse os seguintes: avogados, arquitectos, enseñeiros, consultores, xestores, comerciais, inmobiliarias, fotógrafos, deseñadores gráficos e ilustradores, profesionais da comunicación, escritores, guionistas e editores, representantes e promotores artísticos, produtores e xestores culturais, programadores informáticos, etc.

Concellería de Promoción Económica do Concello da Estrada

Esta entrada fue publicada en Emprego e Formación, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta