A Fervenza de Ouzande organiza unha nova ruta para o día das Letras Galegas

rutas primavera 2015 letras webRuta das Lagoas e camiños do monte.

A Fervenza de Ouzande continúa co programa “Imos andar”, coa Ruta  das Letras que chega á súa décima edición. Nesta ocasión realizaremos a «ruta dos carreiros dos montes e as lagoas».

Será o domingo 17 de maio, con saída ás 10 da mañá e regreso ás 13:30 (Igrexa de Ouzande) Ao final do roteiro, todas as persoas participantes serán agasalladas cun libro en galego en conmemoración do Día das Letras. A actividade é gratuíta e a inscrición realizarase no inicio da ruta, polo cal se prega puntualidade.

PERCORRIDO:12 km.

DIFICULTADE: baixa

DURACIÓN: 3 h 30 min

MATERIAL: é preciso levar roupa cómoda (chándal, botas de montaña…), tendo en conta a predición metereolóxica.

LUGARES DE INTERESE:

Lagoas de Zoo: Nesta saída habemos achegarnos ao alto do monte do lugar de Zoo, xa no Concello de Cuntis, a un lugar no que de invernos se forman lagoas de auga doce grazas ao efecto da choiva e á escasa drenaxe do solo.

Espazos naturais e paisaxe: A ruta combina espazos naturais autóctonos con zonas moi deterioradas polo efecto do home nas que se fixeron grandes plantacións de eucaliptos mesmo en zonas de humedais e turbeiras de grande valor ecolóxico. Tamén, recentemente, foron instalados varios muiños de vento, cuxas obras provocaron certo impacto na contorna e o deterioro de algunhas paraxes. Apreciaremos a diferencia na vexetación en función da altura, posto que na zona das lagoas esta é propia de monte alto, fronte aos bosques que temos na saída de Ouzande.

Encoro da Estrada: Pasaremos pola beira do antigo encoro que abastecía de auga á vila da Estrada, convertido hoxe en día nunha lagoa na que destaca a vexetación propia de ribeira así como a presenza dalgunhas aves migratorias nalgunhas épocas do ano.

Monte Cabalar: baixaremos atravesando a zona ocupada pola cooperativa Monte Cabalar, na aba sur do Monte Pedroso, o que nos permitirá disfrutar do excelente estado en que sen conserva o monte, así como contemplar os rabaños de cabras e mandas de cabalos e vacas en liberdade.

AC A Fervenza de Ouzande

Esta entrada fue publicada en Asociacións, Deportes, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta