O certame «Galician Folk Songs» repartirá 1.000 euros en premios e rematará coa gravación do segundo disco do pianista estradense, integrado unicamente por composicións galegas
O pianista estradense Javier Otero Neira vén de anunciar, en colaboración co selo Landra Music, a convocatoria do primeiro Concurso de Composición para Piano GALICIAN FOLK SONGS, co que pretende «estimular a creatividade dos novos compositores e enriquecer o patrimonio musical galego con obras do folclore tradicional baseadas en melodías populares».
Neste certame poden participar compositores/as de calquera idade e nacionalidade que presenten obras escritas para piano que teñan como temática o folclore galego, empregando melodías populares como o Alalá, a Muiñeira, a Foliada e a Alborada ou ben cancións tradicionais.
A duración das obras non poderá ser superior a 6 minutos nin inferior a 4 e todas elas deberán ser orixinais e inéditas. Segundo consta nas bases do concurso, que poden consultarse na páxina web www.javieroteroneira.com, as partituras deberán enviarse por correo electrónico ao enderezo galicianfolksongs2015@gmail.com antes do 30 de outubro de 2015.
Con posterioridade, un xurado presidido por Javier Otero e integrado por alomenos tres persoeiros de recoñecido prestixio no mundo da música galega será o encargado de valorar a calidade artística das obras recibidas e de outorgar os premios establecidos.
Nesta primeira edición, o GALICIAN FOLK SONGS está dotado economicamente con 1.000 euros en premios, que se repartirán do seguinte xeito: un primeiro premio de 500 euros, un segundo premio de 300 euros e un terceiro premio de 200 euros. A maiores, estes tres recoñecementos inclúen tamén a publicación das obras no caderno GALICIAN FOLK SONGS, a súa interpretación por Javier Otero Neira nunha xira de concertos e a súa inclusión na gravación do segundo disco do propio pianista estradense.
Bases do I Concurso Galician Folk Songs
Galician Folk Songs






































