Lembranza de José Antonio Dono sobre Ildefonso Puente

Ildefonso e DonoDende a Agrupación Socialista da Estrada gustaríanos publicar unha
lembranza a Ildefonso Puente Nodar, presidente da Agrupación falecido hai dous días.

UN HOME EXCEPCIONAL: ILDEFONSO PUENTE 

Onte na Estrada despedimos a Ildefonso Puente, un amigo que deixou en todos os que compartimos con el algún momento da súa vida unha fonda pegada. Ildefonso é unha desas persoas que gañou o respecto dos demais coa súa coherencia e sabedoría da vida.

Carpinteiro de profesión nunca se conformou con deixar pasar o tempo e converteuse, dende a modestia, nun referente na loita social na Estrada. Dende as súas férreas convicións socialistas soportou represalias, persecucións e acoso, sempre sen renunciar ás súas ideas, e entregando aos demais, gran a gran, o seu esforzo na loita a prol da consecución de avances en materia laboral e de dereitos sociais.

Sen dúbida ao longo dos seus 98 anos fixo moitos camiños, con milleiros de paradas de reflexión e diálogo, con momentos para escoitar e ensinar, pero sempre con gañas de apoiar na batalla a favor dos máis débiles. Conversador apracible e sereno será sempre un referente para o socialismo na Estrada. O seu compromiso férreo, a súa sabedoría e experiencia guiáronnos como socialistas na Estrada moitos anos, inda que como el diría, sempre entre compañeiros porque non se pode deixar a ninguén polo camiño.

Home de saberes e coñecementos, incansable lector na busca de oportunidades de mellora e respetuoso como o que máis, sen dúbida algunha, Ildefonso é unha PERSOA EXCEPCIONAL, e un referente para todos. Onte dixémoslle adeus, pero a súa presenza manterase sempre na familia socialista. Gracias Ildefonso por deixarnos aprender de ti.

José Antonio Dono López

Secretario Xeral da Agrupación Socialista da Estrada

Esta entrada fue publicada en Política, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta