A comedia producida por Boneca Lareta, na que se reflexiona sobre o lado menos sensato da existencia, represéntase este venres ás 21.00 horas.
Logo da exitosa ‘Sede de Mal’, con máis de dez mil espectadores ata a data, ‘Filosolfando’ está conquistando o público de vilas e cidades e situou á compañía tamén na senda das grandes programacións, tras o seu paso pola renovada Mostra de Teatro de Cee e a súa presenza no FIOT de Carballo.
Os actores Xabier Deive e Luís Iglesia chegan este venres ao Teatro Principal da Estrada con Filosolfando, a última produción de Boneca Lareta, dirixida por Diego Rey e distribuída por Culturactiva SCG. É a continuación natural, talvez a evolución necesaria, da anterior montaxe da produtora, a exitosa Sede de Mal. O recoñecemento acadado entre público e crítica situou a compañía tamén na senda das grandes programacións, logo de estrearse na renovada Mostra de Teatro de Cee e o seu paso polo FIOT de Carballo, referencia fundamental das artes escénicas galegas. A montaxe está conquistando ao público de vilas e cidades e este venres 27 será representada no Teatro Principal da Estrada ás 21:00 horas.
Se en Sede de Mal os dous intérpretes reflexionaban sobre o lado escuro da vida, agora as cordas soan arredor do lado menos sensato desa mesma vida de claroscuros. Iglesia e Deive soben ao escenario para reflexionar sobre unha cuestión simple, sinxela, do máis mundana, unha cuestión que é tan vulgar que lle acontece a calquera, mesmo a un ninguén: A existencia! Esa é a cuestión e non outra. A filosofía proclama iso de que un ser humano “pensa, logo existe.” Pero de verdade facemos unha cousa antes cá outra? Os dous televisivos actores comezan nese punto a interpretar a partitura da obra.
Con este espectáculo, volven xuntarse sobre o escenario grazas a Boneca Lareta dous dos actores máis importantes e coñecidos do mundo teatral galego. Coa anterior produción que protagonizaron conxuntamente, Sede de Mal, xiraron por toda Galicia durante o último ano, representando máis de 50 funcións ás que asistiron máis de dez mil espectadores.
Luís Iglesia é un dos actores máis coñecidos para o público galego, principalmente polo seu papel protagonista na serie Matalobos. Ás súas costas carga cunha longa traxectoria nas táboas da man de compañías como Teatro do Aquí, de Vidal Bolaño. O seu traballo como dobrador faino unha das voces máis recoñecibles no sector. Pola súa banda, Xabier Deive conta tamén cunha ampla carreira e tamén co recoñecemento do público. Igual que Iglesia, tamén traballou en Matalobos e ao longo dos anos participou en series como A vida por diante ou en películas como O menor dos males.
BONECA LARETA
A produtora Boneca Lareta nace no ano 2008 como un proxecto artístico multidisciplinar que crea e produce para teatro, cine, publicidade e televisión. Unha fábrica de ideas onde operan diferentes creadores do panorama galego cunha mirada propia e aberta ao mundo. Un equipo que mestura madurez e experiencia, xuventude e dinamismo, profesionalidade e versatilidade. Entre as montaxes máis recentes de Boneca Lareta, podemos destacar a película documental Frankenstein 04155, que indaga no que hai detrás do accidente ferroviario de Angrois, o máis grave da historia da democracia no Estado español, e analiza as causas e quen tomou as decisións que contribuíron de maneira decisiva á catástrofe. A peza foi estreada na Seminci de Valladolid e recentemente proxectouse en Compostela no Festival Cineuropa.
CULTURACTIVA
Culturactiva é unha das principais xestoras culturais do país, centrada nos ámbitos teatral e musical. Creada como cooperativa cultural a comezos dos anos 2000, o proxecto foi impulsado por varios profesionais vencellados ao sector e na actualidade é a distribuidora líder en Galicia de teatro cómico e de rúa. O carácter lúdico e riseiro está presente dende os seus inicios tocando tamén de cerca a sociedade, ao poñer en marcha proxectos que achegan a solidariedade a través do humor, do teatro e da música.






































