A pregoeira será a catedrática de Historia Moderna na USC Ofelia Rey Castelao e os Salmóns de Ouro recibiranos o Club Bádminton A Estrada e Tequexetéldere
A Ruta-Degustación de Tapas de Salmón arranca mañá en cinco dos 26 establecementos da hostalaría participantes e cada tapa custará 1,5 euros
Os coutos de Ximonde, Santeles e Sinde acollerán esta fin de semana o XL Concurso Internacional de Pesca do Salmón, no que competirán 48 pescadores
O Concello da Estrada presentou este mediodía en rolda de prensa a programación da XLIII Festa do Salmón, que comprende preto dunha trintena de actividades gastronómicas, deportivas e culturais e que arranca mañá cunha Ruta-Degustación de Tapas de Salmón na que participan un total de 26 establecementos do sector da hostalaría e a restauración.
O concelleiro de Cultura estradense, Juan Constenla, salientou que «a Festa do Salmón, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia en 2013, ademais dun dos grandes atractivos turísticos da Estrada, é un dos principais eventos gastronómicos de Galicia tras 43 edicións». Tamén puxo de manifesto «o triple enfoque da programación de actividades, xa que está distribuida entre os ámbitos gastronómico, deportivomedioambiental e lúdico-cultural».
Xunto co concelleiro de Cultura compareceu tamén o presidente do Centro de Iniciativas e Turismo (CIT) da Estrada, Luis Reimóndez, que foi o encargado de anunciar que a pregoeira nesta cuadraxésimo terceira edición será a catedrática de Historia Moderna da USC Ofelia Rey Castelao, que é natural da parroquia estradense de Arnois. Ademais, Reimóndez anunciou tamén que, xunto coa propia pregoeira, a distinción dos Salmóns de Ouro recibirana o domingo 15 o Club Bádminton A Estrada e a agrupación folclórica tradicional Tequexetéldere, tamén da Estrada.
Coutos de Ximonde, Santeles e Sinde
Pola súa parte, o presidente da Sociedade Deportiva Río Ulla, Miguel de la Calle, adiantou que esta fin de semana celebrarase nos coutos de Ximonde, Santeles e Sinde o XL Concurso Internacional de Pesca do Salmón, que conta con 48 participantes inscritos. Ao respecto, indicou que «o bo inicio da campaña de pesca do salmón no río Ulla, no que se rexistraron varias capturas en poucos días, leva a pensar que este concurso cadra cun ciclo de pesca bo, polo que as perspectivas de capturas son tamén boas».
Ruta-degustación de tapas de salmón e degustación popular
Pola súa parte, no apartado gastronómico da XLIII Festa do Salmón, a restauradora Adriana Abelleiro destacou que este ano a degustación popular do domingo 15 terá lugar na Praza do Mercado, onde 13 establecementos distribuirán as bandexas con 3 pinchos de salmón a un prezo de 4,5 euros. Ademais, mañá venres arranca a Ruta-degustación de tapas de salmón, que nesta ocasión incrementou a participación de hostalerios e conta con 26 establecementos inscritos. O prezo das tapas, que poden consumirse de 12.00 a 15.00 horas e de 20.00 a 23.00, será de 1,5 euros cada unha.
Departamento de prensa Festa do Salmón