Ana Pontón e Daniel Rodas solicitan a documentación da tramitación da declaración BIC de Pontevea
A deputada do BNG, Ana Pontón e Daniel Rodas, a instancias do BNG da Estrada, solicitan no Parlamento Galego que lles sexa facilitada a documentación relativa á tramitación da declaración BIC (Ben de Interese Cultural) da ponte de Pontevea, situada entre os concellos da Estrada e Teo.
Os nacionalistas levaron a iniciativa da declaración BIC desta ponte medieval do século XIV ao Parlamento Galego e este aprobou por unanimidade o pasado mes de setembro instar á Xunta a que inicie os estudos correspondentes da declaración BIC.
O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, explicou que “con esta solicitude que vimos de rexistrar é para coñecer con exactitude como está o proceso da declaración BIC”. “Manteremos a presión política necesaria”, engadiu Magariños, “para que non se perdan os papeis na Xunta nin para que a declaración BIC da ponte de Pontevea quede no esquecemento”.
O BNG tamén anuncia que tomará a iniciativa para visibilizar este elemento patrimonial que comparten os concellos de Teo e A Estrada. Segundo explicou o concelleiro do BNG da nosa localidade “estudaremos no vindeiro consello local que medidas pode emprender o concello da Estrada para darlle maior relevancia da que agora ten e para iso non fai falta agardar á declaración BIC”. “De feito”, engadiu Magariños, “non temos que coller o coche e irnos en dirección Santiago para atoparnos coa ponte completamente eclipsada polos eucaliptos e outras árbores que hai preto deste elemento patrimonial do século XIV”.
BNG de A Estrada