Marcos Calveiro gaña o XXIX Premio de Novela Manuel García Barros coa obra O Xardineiro dos ingleses

 

A 29ª edición do Premio de Novela Manuel García Barros (Ken keirades) xa ten o seu gañador. Trátase de Marcos Sánchez Calveiro (nome literario Marcos Calveiro) nado en Vilagarcía de Arousa, pero que reside actualmente en Vigo, que conseguiu esta distinción coa súa obra O Xardineiro dos ingleses. Despois de case dúas horas e media a decisión foi tomada hoxe tras a deliberación do xurado que tivo que escoller entre 21 obras presentadas, cifra que ronda a media de case tódolos anos.O xurado estivo integrado por Inma Otero Varela, Carlos González de Lema Malvar, Armando Requeixo Cuba, Mario Iván Regueira Fernández e Carlos Loureiro Rodríguez. Este último actuou como secretario. Despois da lectura de tódolos orixinais presentados e tras levar a cabo distintas seleccións e un intercambio de opinións, previas ó día de hoxe, o xurado chegou a conclusión de que a gañadora fose a obra que levaba por lema o mesmo que o seu título, tal e como se comprobou coa apertura da plica.A obra foi elixida por maioría, tal como comentou Carlos Lema, e os motivos da elección foron a súa capacidade para tecer unha trama que mistura episodios de carácter histórico coa actualidade e na que o pasado ilumina o presente dos personaxes. “A traxectoria da narrativa galega dos últimos 30 anos está ben debuxada nos autores e autoras premiados ó longo de todo este tempo no García Barros. A novela gañadora foi por maioría de votos e non por unanimidade porque había outras novelas tamén de interese”, apuntou Lema.Tal e como relatou Armando Requeixo a novela relata os principais acontecementos da historia europea do século XX, e particularmente da Guerra Civil que condiciona o devir de Galicia, concretado neste caso na presenza e legado da comunidade inglesa e alemá en Vilagarcía de Arousa.“Foi unha xornada de deliberación intensa xa que había moitas propostas interesantes e non todas, desafortunadamente, poden gañar”, apuntou Requeixo o que engadiu “esta é unha historia que está contada con moita pericia e con diferentes voces narrativas”.O xurado argumentou que “escrita con habelencia consegue recrear axeitadamente ambientes e achegarnos a este poderoso caudal narrativo a través de diferentes voces que se complementan na súa ollada e circunstancias, coa do escritor protagonista”.Tras a decisión o edil de Cultura, Juan Constenla, e os membros do xurado comunicaron a noticia ó afortunado. “Quedou encantado de que a súa novela houbese gañado un premio tan importante como é o García Barros, un dos premios literarios máis importantes da nosa comunidade”, indicou Constenla. Ademais “cando falou co concelleiro díxolle que esta era a súa novela maldita porque lle estaba tardando en ser premiada” engadiu Carlos Loureiro.Tal e como establecen as bases do certame puideron participar autores de calquera nacionalidade que presentasen escritos orixinais e inéditos, acordes coa normativa oficial vixente en lingua galega, quedando fóra os gañadores das últimas dez edicións deste concurso.O galardón terá unha dotación económica de 9.000 euros que se outorgará indivisiblemente nun único premio e a obra premiada será publicada pola Editorial Galaxia a principios de novembro. A entrega do premio será, coma en tódolas edicións, cara finais de novembro nun acto público no Teatro Principal da Estrada.Biografía e obras de Marcos Sánchez CalveiroMarcos Calveiro (Vilagarcía, 1968), neto de feirantes taberneiros é licenciado en dereito. Deuse a coñecer como narrador coas novelas xuvenís Sari soñador de mares (2006) e Rinocerontes e quimeras (2007). En 2007 recibiu o XVIIIº Premio Ala Delta de Literatura Infantil por O carteiro de Bagdad, novela editada en galego e castelán, que logo recibiría o Premio White Ravens en 2008. Despois, mereceu o Premio Barco de Vapor de Literatura Infantil 2008 por O canto dos peixes (2008), o Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2009 e Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro Xuvenil, 2010 pola novela O pintor do sombreiro de malvas (Xerais 2010) e o Premio Merlín de Literatura Infantil 2012 por Palabras de auga (Xerais 2012). Na colección Sopa de Libros publicou Unha casiña branca (Xerais, 2015). En 2011 publicou Lois Pereiro. Náufrago do paraíso (Xerais 2011) e Centauros do norte (2011) polo que obtivo o Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil 2010. Tamén é autor da tetraloxía El samurai del rey (2010-2011).No 2015 gañou o IX Premio Narrativa Breve Repsol coa obra Fontán. A meirande parte da súa obra está traducida ao castelán e catalán. En Xerais Narrativa leva publicadas dúas novelas: Festina lente (2008) Premio da Crítica 2008 (narrativa), Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro de Narrativa adultos, Autor do ano 2008 e Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do Ano 2009 e Setteccento (2010). Na colección Fóra de xogo tamén ten publicadas as novelas Todos somos(Xerais 2013) e As palabras poden matar (Xerais 2015).Como poeta publicou Cartas do terceiro día (2007), VIIº Premio de Poesía Concello de Carral. Mantén aberto o blog Alfaias http://alfaias.blogaliza.org e o perfil en twitter @calveiro

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta