Houbo un incremento de case 60 con respecto a 2015
O número de consultas atendidas no Centro de Información Á Muller da Estrada vai en aumento, tal ecomo demostran os datos. “Isto quere dicir que existe esa conciencia de que as mulleres teñen un centro específico ao que poder acudir”, sinala Margarita de la Calle, directora do centro estradense. As estatísticas reflicten que o pasado ano no CIM do municipio rexistráronse un total de 533 consultas. Unha cifra que se incrementou con respecto aos dous períodos anteriores, posto que no 2014 contabilizáranse 353 e no 2015, 474.Entre as funcións do CIM figuran: asesoramento xurídico, atención psicolóxica, atención ás vítimas de violencia de xénero, orientación laboral e achega de todo tipo de información sobre cursos, xornadas, actividades e diversos recursos. No 2016 houbo un incremento, case xeneralizado, de consultas nos diferentes ámbitos. Así; no asesoramento xurídico, neste último ano, rexistráronse 186, fronte as 111 do 2014 e as 114 de 2015. Esta alza tamén se observa na atención á violencia de xénero, posto que no 2016 houbo 78 consultas, no 2015, 68 e no 2014, 42.Pola súa parte, tamén se produciu un incremento importante na orientación de emprego, xa que no 2014, só seis persoas asistiron ao CIM, cifra que aumentou no 2015 con 17 consultas e no 2016 con 27. Cada vez son máis, tamén, as solicitudes de información sobre os recursos existentes. No 2014 non se rexistrou ningunha, mentres que no 2015 houbo 32 e o ano pasado 40.No 2016 as consultas por atención psicolóxica foron 248, número moi similar a 2015, que foron 241. No 2014 se contabilizaron 187. En canto ás consultas destinadas a dar información sobre cursos, xornadas e actividades, apenas se teñen producido, xa que nestes tres períodos, só se atenderon dúas en 2015, mostra de que a cidadanía obtén esa información a través doutros medios.Cabe destacar que dende outubro pasado os CIMs están regulados por un novo decreto que ten como principal obxectivo mellorar neste servizo, tanto na promoción da igualdade de xénero mediante a información e o asesoramento, como na prevención e a loita contra a violencia de xénero na comunidade. “Un cambio relevante é o aumento das horas mínimas de atención, tanto a psicolóxica como a xurídica, para adaptarse á nova regularización, así o servizo da avogada pasou de seis a dez horas, e a psicóloga conta con xornada completa”, apunta Margarita de la Calle.Próximas actividadesO CIM xa está traballando na preparación de diversas actividades para os vindeiros meses. Así en setembro está previsto a realización dun novo taller, similar ó realizado o ano pasado, con motivo do Día Mundial da Saúde Sexual e tamén terá lugar unha nova sesión de coordinación da Mesa Local Contra a Violencia de Xénero, pero aínda están por concretarse as datas.






































