Una unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia desprazarase os días 24,25 e 26 ata a Estrada. Como xa é habitual situarase na Praza do Concello. O xoves, día 24, e o venres, día 25, os interesados poderán doar en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas. Mentres, o sábado 26 a unidade móbil solo estará en horario de mañá de 10.00 a 15.00 horas.
A nova Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, subministra compoñentes sanguíneos a tódolos hospitais de Galicia. Cada día, as doazóns de sangue recollidas nos locais de doazón e nas dez unidades móbiles que percorren os concellos galegos envíanse ás dependencias de ADOS para o seu procesamento, análise e conservación. Establécese con cada hospital unhas reservas de seguridade de cada grupo sanguíneo e, diariamente, envíanse os compoñentes sanguíneos que precisan para a súa actividade asistencial programada e para facer fronte ás urxencias.
Dende este organismo agradecen a colaboración altruísta da cidadanía que é vital para acadar as 500 doazóns de sangue que precisan cada día para axudar a centos de enfermos.
Lembrar que a doazón de sangue é un acto seguro, sinxelo, cómodo e necesario para que moitas persoas poidan solucionar os seus problemas de saúde e, incluso, salvar a súa vida.
Os homes poden doar un máximo de catro veces ó ano e as mulleres tres deixando pasar entre cada doazón un mínimo de dous meses. Non se pode acudir sen almorzar e despois do xantar hai que agardar dúas horas.
Poderán doar sangue as persoas que teñan unha saúde normal, con máis de 50 quilos de peso e que sexan maiores de idade. Os doantes maiores de 65 anos poderán seguilo facendo sempre que conten co permiso do seu médico de cabeceira.






































