O Departamento de Cultura do Concello da Estrada informa que xa están á venda as entradas do concerto de Teo Cardalda e do espectáculo Carapuchiña Vermella, que forman parte da programación de “Outono no Principal”.
O concerto de Teo Cardalda, compoñente na actualidade do dúo Cómplices, será o venres 27 deste mes ás 21.30 h. Será unha actuación en acústico interpretada a piano, e o repertorio estará composto por temas míticos dos grupos Cómplices e Golpes Bajos, agrupación, esta última, á que pertenceu este artista no seu día xunto a Germán Coppini. O prezo das entradas é de cinco euros e poden mercarse en Cultura, segundo andar da Casa Consistorial, en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas.
Por outra banda, o día 29, ás 18.00 horas, será a quenda de Carapuchiña Vermella, de Educa Teatro. Educa Teatro fai unha adaptación do clásico conto dos Irmáns Grimm modernizando a historia e os personaxes para traelos á actualidade. A proposta mestura teatro de actor con manipulación de bonecos e voz en directo para transmitir aos cativos valores como a ecoloxía e a igualdade; ao mesmo tempo que ensinan a reciclar. Ademais, falarán de diversas profesións. É un musical que está composto por sete cancións orixinais cantadas en directo e pensadas especialmente para os máis pequenos. Os temas que interpretarán son: Bebé Rebelde, Cara, Cara, Carapuchiña!, Quero ser…, Camiñando polo bosque, Somos todos iguais, Fiareime eu de ti? e O lobo. Terá unha duración de 60 minutos.
As entradas, que teñen un prezo de seis euros, poden mercarse no departamento de Cultura, de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas, ou na tenda de xoguetes Tiko Doco, situada na Rúa San Antonio, 8 da Estrada.
Lembrarvos, para rematar, que seguen despachándose a bo ritmo as entradas para este mércores día 11 ás 21.00h do espectáculo “As fillas bravas”, do Grupo Chévere. Tamén poden adquirirse no Departamento de Cultura do Concello.






































