López augura que en Nadal a cidadanía poida facer uso da Zona dos Viños e as obras teñan un resultado satisfactorio para todos

      Considera que Mar Blanco fala por falar e sempre con falta de coñecementos

A empresa encargada da execución das obras da Zona dos Viños, Desmaco S.L.U. , onte, xoves, meteu un equipo máis de traballo para avanzar nos trámites da propia obra. É unha obra complexa porque hai que compatibilizar a actuación coa accesibilidade, porque é necesario darlle acceso aos locais para non prexudicar a súa actividade. “Nós desde o primeiro momento, tanto a Dirección da obra como desde o Concello, estivemos intentando ir resolvendo os múltiples problemas que foron xurdindo coa empresa. Creo que a empresa si empezou agora a tomarse en serio a obra”, apunta o alcalde da Estrada, José López.

O rexedor recrimina as declaracións realizadas por Mar Blanco, voceira de Móvete, acerca deste tema. “O que parece unha vez máis é unha saída de ton da voceira de Móvete, porque ultimamente creo que está demostrando o seu descoñecemento en moitas materias: fala da Edusi sen saber absolutamente nada dela, fala do plan sen ter idea nin ter participado nel, opina de orzamentos sen ter coñecementos do que fala, e agora tamén sabe de obras e parece que está na Zona dos Viños todos os días”.O alcalde afirma que eles si estiveron por alí a diario e “estivemos falando non só cos hostaleiros, senón tamén cos veciños, que parece que o único que lle preocupa a Móvete son os hostaleiros, pero aí tamén viven veciños que sofren os avatares dunha obra e que como calquera obra cando se executa ten as súas complicacións”.

Ademais, engade que “eu entendo que esta señora nunca executou ningunha obra, nin ningunha outra cousa porque non se lle coñece oficio, pero si é certo que os que levamos toda a vida resolvendo problemas sabemos que ás veces os problemas son complexos. Neste caso, como é a Zona dos Viños, é unha obra difícil e creo que o sistema que ten a Xunta de adxudicación de obras fai que ao final veñan empresas cunhas baixas que despois non son capaces de xustificar e o Concello é alleo a esa realidade. Nós o único que facemos é preocuparnos e velar para que a obra vaia ben e preocuparnos porque os veciños e hostaleiros teñan os menos prexuízos posibles”.O rexedor está convencido de que no Nadal todo o mundo se esquecerá da problemática da obra e gozará dunha nova zona, que é a única peonal que hai na Estrada, zona que o Concello quere seguir apostando por poñer en valor. “Nótase que estes de Móvete nunca tiveron responsabilidades no goberno e nunca tiveron que tomar decisións porque non saben como se xestiona unha obra destas, que ademais leva sendo demandada fai moitísimos anos pola hostalaría e polos veciños da zona, porque en ningún caso quedaron satisfeitos pola execución da última obra que se fixo alí, e eu creo que ao final todos sabemos que esta obra se atrasou para favorecer os intereses dos hostaleiros cando foi a Festa dos Salmón no mes de maio, cando foi polas festas da Estrada e fomos atrasando para prexudicar o menos posible, pero chega un momento no que as obras hai que facelas e agardamos que se acaben no menor tempo posible e o resultado sexa satisfactorio. E agardo que o prexuízo que se poida producir se torne nun maior beneficio cando as obras estean finalizadas, sen que os locais teñan que aportar nin un só euro de fondos públicos para mellorar o espazo público e tamén para mellorar a actividade que se xera alí”.López insiste en que “paréceme un auténtico despropósito que Móvete expoña, e iso xa demostra a ignorancia, que o Concello teña que compensar á hostalaría polos danos que se lle poidan causar durante estes días e isto xa di moito das súas ocorrencias, e xa calquera que lea as súas palabras, imaxínense o que pensarán cando haxa calquera tipo de obra. Por que indemnizar a hostalaría e non a calquera persoa que poida verse afectado por unha obra, como pode ser aquelas que non poidan acceder aos seus garaxes? Isto  é un auténtico despropósito que demostra o pouco nivel que ten a concelleira. Unha cousa é falar por falar e outra cousa é cando unha representa e é membro dunha corporación municipal, polo que debería ter algo máis de coñecemento das circunstancias antes de falar alegremente. Pero así son as Mareas os que supostamente viñan a cambiar a política, xa sabemos todos como funcionan, e ao final non podemos agardar moito máis deles. Ata agora, en dous anos que levan na corporación municipal a utilidade que tiveron para os veciños foi bastante pouca. Aquí o caso é criticar constantemente por todo, senón houberamos feito a obra estarían sendo moi críticos porque o goberno non asume e non cumpre os seus compromisos e cando a facemos porque a facemos ao igual que as últimas ocorrencias que tivo varias, como a dos orzamentos, e que evidentemente hai que tomalas como unha anécdota e nós o que temos que facer é seguir traballando”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta