O Concello presentará o xoves o Plan Local de Saúde en compañía do Centro de Saúde e do Sergas

O Museo do Moble e da Madeira (Mome) acollerá o vindeiro xoves, día 30, ás 20.30 horas un acto para presentar o Plan Local de Saúde. No acto, aberto a todo público, os encargados de explicar esta iniciativa serán o alcalde da Estrada, José López, o concelleiro de Sanidade e o coordinador do Concello deste plan, Óscar Rancaño, o coordinador do Centro de Saúde, Juan Sánchez e a xerente da Área Sanitaria do Servicio Galego de Saúde (Sergas), Eloína Núñez.“Convidamos a todos os colectivos a asistir e tamén a calquera persoa que de maneira individual queira achegarse a este acto, no cal explicaremos cales son os obxectivos que nos temos marcado con esta nova estratexia que iniciamos na Estrada da man do Centro de Saúde”, apunta o alcalde. O obxectivo, tal e como sinala López, é crear dinámicas e hábitos saudables. “Está acreditado en todos os estudos que a saúde non é só unha cuestión de xenética e de asistencia médica, senón que é un factor moi importante na saúde das persoas, sendo necesaria a prevención e polo tanto, a promoción de hábitos saudables”.O Concello da Estrada apoiarase no estudo que levou a cabo o persoal do Centro de Saúde que permitiu coñecer cal é a realidade actual en materia de saúde na Estrada, aínda que xa no seu día houbo iniciativas en relación a favorecer esta cuestión, como foi o tema da dieta atlántica. A Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (Edusi) é outro dos pasos que complementarán esta iniciativa de mellorar os hábitos saudables na vila. “Creo que temos o círculo pechado: temos un gran equipo médico na Estrada que leva facendo un traballo durante moitos anos moi importante, temos unha poboación, que creo que é sensible a esta realidade, temos unha estratexia que nos vai permitir facer esas actuacións necesarias e creo que nos podemos situar na cabeza dos concellos de España nesta materia”, afirma o rexedor.A Organización Mundial da Saúde (OMS) e  a Federación Española de Municipios e Provincias están apostando moito por estas políticas, así como a Unión Europea. “Xa que todo o que sexa prevención reduce os custes sanitarios, que é a área onde máis esforzo fan todas as Administracións para poder manter todas as infraestruturas sanitarias e os medios”, resalta López.Para todo isto, que está cargado de vantaxes, o alcalde é consciente de que é necesaria a implicación de todos os veciños. Das determinacións que xurdan dese Plan de Saúde sairán actuacións concretas que o Concello ten o compromiso de incorporar na Edusi e todo isto se traslada en crear espazos pensados no ocio, nas actividades ao aire libre, nos deportes…e A Estrada ten espazos que poden adaptarse a esta realidade. “Unha vez que poñamos en marcha o Plan Local de Saúde e os equipos de traballo teremos que facer plantexamentos de proxectos concretos que poidamos levar á práctica e que encaixan perfectamente coa propia estratexia que nós temos aprobada pola Unión Europea, na que temos eses 6 millóns de euros de investimento, na que unha parte importante era o tema da mellora da mobilidade, da accesibilidade, a recuperación de espazos, e a creación de zonas verdes para a cidadanía”, achega o rexedor. Ao mesmo tempo, López é consciente de que todo isto é unha cuestión de tempo “as tendencias de saúde non se cambian en meses, ni en semanas, é unha cuestión de anos e é un camiño que vamos empezar a facer da man, do que eu creo que son as patas da Administración máis importantes para os nosos veciños, que son o Concello e o Centro de Saúde, que é practicamente onde a cidadanía ten un maior contacto coa Administración”.O alcalde adianta que o Concello da Estrada xa está rematando os trámites para adhesión á Red Española de Ciudades Saludables (RECS) e tamén á Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde que fomenta a OMS. O Concello xa remitiu toda a documentación, os acordos plenarios e López agarda que antes de que acabe este ano ,a Estrada poida estar integrada nestas dúas estratexias. A partir de aí na Estrada sairán diversas actuacións e o municipio poderá tamén optar a fondos europeos adicionais ao estar dentro destes dous proxectos.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta