Co obxectivo de reflotar a sonada feira do moble estradense, esta mañá o comité executivo da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada e persoal da entidade reuníronse para poñer sobre a mesa as opinións e suxestións de todos para buscar unha solución efectiva de cara a súa vindeira celebración no mes de setembro. O alcalde, José López, indicou que durante o encontro fixéronse diversas propostas, sen especificar cales, xa que primeiro queren comunicarllas ao propio sector e aos grupos da oposición, polo que se pretende ter unha reunión con estes últimos esta mesma semana. “Estas iniciativas saíron sobre todo da experiencia que ten o persoal por ter estado tantos anos organizando feiras e tendo contacto co propio sector”, apunta López.
O alcalde adianta que na segunda semana de marzo reuniranse cos empresarios “para cumprir co que eles nos pediron, de que pola nosa parte saia unha proposta, desde a Fundación e desde o Concello”. Será unha proposta conxunta, e a oposición tamén poderá aportar as súas suxestións, por iso o primeiro paso é manter un encontro cos membros das outras forzas políticas e despois cos propios empresarios.
Visitas á nova gardería
A execución da nova gardería xa está acabada ao redor do 70/75%. Está case toda a instalación rematada. Faltan as máquinas, a carpintería interior, as bombas de calor, acabar a fachada e a instalación duns parasois que irán na parte traseira do patio e un cerre perimetral e terminar de pintar. José López comunicou que este venres, día 23, ás 13.00 horas visitará xunto co xerente do Consorcio as instalacións para ver como están indo os traballos de execución.
Tamén teñen en mente facer unha visita a estas instalacións dirixida a persoas do sector do moble, probablemente para a vindeira semana. “Serán unha xornadas en relación á construción desta estrutura porque entendemos que é un tema moi novidoso. É unha edificación que ten un valor construtivo, a parte do funcional, moi importante e sobre todo que pon en valor un elemento tan importante para a Estrada, como é a madeira”, explica o rexedor xa que esta nova obra está construída toda de madeira. Outro dos obxectivos desta visita será transmitirlles aos profesionais do sector da madeira os coñecementos dos encargados de levar a cabo esta obra. “Cremos que será algo moi interesante para este sector, e de feito algún empresario xa nos trasladara esta petición”.






































