Pero, a parte de facer un vídeo, que fai o alcalde da Estrada contra o cambio climático? Nada

López  non pode presumir de ser un goberno que loita contra o cambio climático, todo o contrario, e consideramos que a edición deste vídeo é unha mostra máis da política para a galería na que está instalado o goberno do Partido Popular da Estrada

 

 O alcalde da Estrada, José López, vén de unirse á campaña “A Hora do Planeta” da ONG WWF coa publicación dun vídeo e instando a outros concellos a que se unan á campaña.

Existe un evidente problema co cambio climático do planeta, analizado en diversos foros internacionais, que buscan a implicación do poder político para paliar as consecuencias que todas e todos percibimos e padecemos. 

Mais, aparte de facer un vídeo para unirse á campaña de WWF, que fai o alcalde da Estrada para loitar contra o cambio climático no planeta? A resposta é nada. 

Uns  exemplos. O BNG propuxo hai uns meses que o concello da Estrada se unira ao plan REVITALIZA de compostaxe de residuos orgánicos da Deputación de Pontevedra e o PP dixo non. A compostaxe evitaría que centos de toneladas de lixo que hoxe se envían a SOGAMA para queimar, coa conseguinte emisión de residuos tóxicos ao medio ambiente. Isto non é loitar contra o cambio climático, senón todo o contrario.

A Estrada tamén ten un problema coa depuración das augas. A EDAR de Aguións verte auga contaminada ao Ulla. Iso sen mencionar que o 80% das parroquias da Estrada non teñen ningún tipo de sistema de saneamento. Isto é loitar contra o cambio climático? Non. Mais o alcalde prefire investir tres millóns de euros na Alameda, que non aportará beneficio económico algún para o concello da Estrada, mais si para a transnacional Idom e a construtora que se encargue deste proxecto.

Mais o goberno do PP non ten políticas contra o cambio climático, tampouco para paliar as consecuencias do cambio climático. Desde o BNG da Estrada pedímoslle reiteradamente a mellora das canles de rega para que o agro teña auga nos períodos de seca como padecemos estes últimos anos. E tampouco ten un plan para mellorar a eficiencia da traída de auga da Estrada, que reiteradamente sofre roturas e perdas, cos conseguintes problemas que ocasiona a a veciños e veciñas.

En resumo, que o goberno de López non pode presumir de ser un goberno que loita contra o cambio climático, todo o contrario, e consideramos que a edición deste vídeo é unha mostra máis da política para a galería na que está instalado o goberno do Partido Popular da Estrada.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta