O Concello da Estrada ten aberto xa o prazo de inscrición para participar no programa de termalismo social da Deputación de Pontevedra, Deportermal 2018. O programa consiste na estancia de cinco días consecutivos, de luns a venres, usando durante un mínimo de dúas horas as instalacións dun balneario, talaso, spa ou outras instalacións de características semellantes da provincia de Pontevedra. A solicitude deberá facerse, ata o 13 de abril, no departamento de Servizos Sociais, sito na planta baixa do consistorio.
O plan Termal da Deputación pon en marcha dous programas termais: Por unha banda, un de asistencia diaria a balnearios durante cinco días consecutivos e outro con pernocta, de domingo a venres, en réxime de pensión completa.
Poden participar nesta iniciativa as persoas nacidas antes do 1 de xaneiro de 1968 ou todos aqueles que sexan pensionistas da Seguridade Social; as persoas que teñan un grao de discapacidade igual ou superior ao 65%, aínda que non cumpran o requisito da idade, e as persoas coidadoras que precisen un respiro familiar. É un requisito indispensable estar empadroado no concello da Estrada, así como non padecer ningunha enfermidade ou patoloxía incompatible coa actividade do programa.
O prazo de presentación das solicitudes, que xa está aberto, cerrarase o 13 de abril e deberán presentarse no departamento de Servizos Sociais do Concello achegando o modelo de solicitude e a seguinte documentación: fotocopia do DNI do solicitante e do acompañante, no caso de ser estranxeiro copia do permiso de residencia; certificado de pensións, no suposto de ser pensionista; valoración social, se corresponde para prazas de reserva a través de Servizos Sociais e certificado ou tarxeta acreditativa do recoñecemento de discapacidade, se corresponde.
Os establecementos termais que se ofertan son:
No caso da asistencia diaria: o Spa Carlos I Silgar, de Sanxenxo, o Spa Vía Argentum de Silleda, o Balneario Baños da Brea de Vila de Cruces, o Spa Nuevo Astur Vilalonga, en Sanxenxo, o balneario de Mondariz, o Talaso Atlántico de Oia, o Balneario Termas de Cuntis e o Balneario Eurostars Isla de La Toja.
Mentres, para desfrutar no programa en réxime de pernocta figuran o Spa Nuevo Astur Vilalonga,en Sanxenxo, o Balneario Baños da Brea de Vila de Cruces, Hotel Galatea de Sanxenxo, o Balneario Termas de Cuntis. Hotel Castro do Balneario e Hote La Virgen; Hotel Louxo La Toja, o Spa Vía Argentum de Silleda, o Spa Carlos I Silgar, de Sanxenxo e o Gran Hotel Talaso Sanxenxo.
Os interesados poderán obter máis información en Servizos Sociais do Concello ou a través do teléfono 986 573 265.






































