Medio Rural destina preto de 50.000 euros na mellora do centro hípico situado no concello pontevedrés da Estrada

O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural supervisou as obras de acondicionamento, que consistiron na construción dunha zona de observación anexa á pista

 

A Consellería do Medio Rural investiu preto de 50.000 euros na mellora do centro hípico do mercado de gando de Guimarei, no concello pontevedrés da Estrada. As obras realizáronse no marco dun proxecto senlleiro que levou a cabo a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

O propio director da axencia, Miguel Pérez Dubois, acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, achegouse esta mañá ata a zona para supervisar as obras, que consistiron na construción dun espazo de planta baixa anexo á pista para a observación das actividades que se desenvolven nese centro.

Así mesmo, procedeuse tamén á construción dun novo peche con acceso desde a vía municipal, cun portal de corredoira, que delimita a zona de hípica con outras instalacións municipais. Por outra banda, mellorouse a pista de actividades e adestramento. Todo iso contou cunha axuda de 48.587,55 euros, que cubre a totalidade dos custos deste proxecto.

O director xeral destacou que estes proxectos senlleiros permiten mellorar as infraestruturas dos concellos destinadas ao uso e goce dos veciños, co fin de dinamizar o medio rural a través dunha aposta polas tradicións e culturas da zona. Neste caso, o concello da Estrada destaca pola súa vinculación á figura do cabalo, xa que nel ten lugar a coñecida Rapa das Bestas de Sabucedo, declarada Festa de Interese Turístico Internacional, polo que a demanda de cursos de hípica é elevada neste municipio. 
 

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta