O investimento da Variante de 2018: a enésima tomadura de pelo do PP á Estrada

A presentación dos Orzamentos do Estado non trae boas noticias para o noso concello. De aprobarse as contas, a Variante recibirá 1.500.000 euros de investimento para este ano 2018, unha cifra pírrica e de recheo, da que se deduce que ao PP non lle interesa construír a Variante, só facer anuncios como o feito por Ana Pastor durante a campaña das Municipais de 2015, cando ocupaba a carteira de Ministra de Fomento.

Para o BNG é a enésima tomadura de pelo aos veciños e veciñas da Estrada, que levan anos demandando esta infraestrutura que servirá para desconxestionar a vila de tráfico, especialmente o pesado. Mais tamén sería positiva para o desenvolvemento socio-económico do concello, que permitiría integrar infraestruturas importantes como a Cidade do moble e o polígono industrial de Toedo, cos centros de distribución das súas mercadorías.

O investimento previsto nos orzamentos de 2018 demostra que o alcalde non se toma en serio a construción da Variante, e polo tanto a el tampouco o toman en serio no seu partido que ano tras ano, tras os anuncios publicitarios chega a realidade, é dicir, nada de nada.

Por outra parte, queda claro unha vez máis que o PP da estrada, co alcalde á cabeza, non pinta nada dentro desta organización política, que discrimina aos veciños e veciñas da estrada. Esixímoslle ao alcalde que sexa o referente do descontento social que xera esta nova discriminación do PP e esixa investimentos realistas que permitan a construción da Variante.


BNG da Estrada

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta