O pasado sábado celebrouse a cuarta edición do Encontro e Convivencia de Maiores ao que asistiron unhas 500 persoas. “Foi unha xornada que transcorreu con total normalidade, sen ningún tipo de incidencia, cunha gran afluencia de xente. Tivemos actividades musicais e lúdicas. Como foron as actuacións de Saly e Isi como humoristas que teñen unha intercomunicación co público excepcional e que son uns artistas moi valorados no concello, así como a gran acollida da actuación de Lume na Lareira e a exhibición de baile de salón por parte de dous rapaces”, apunta a concelleira de Benestar Social, Amalia Goldar.
Á cita non faltaron membros do goberno local e do Partido Socialista. “Estivemos ao lado dos veciños, pasando un rato agradable con eles e intercambiando conversas”, sinala Goldar. Aproveitaron a ocasión para facerlles un recoñecemento aos máis maiores presentes na festa, que foron Purificación Fernández Fuente, de 91 anos, e Benigno Asorey Barral, de 89.
“O comentario máis escoitado por parte dos responsables que asistimos foi que tiñamos que seguir facendo este encontro xa que é un xornada na que os veciños se ven e pasan un rato agradable e que lles serve para desconectar da rutina. Por iso a nosa intención plena e unánime é que si temos que continuar con este tipo de actividades”, adianta a edil. Ademais Goldar incide en que “este tipo de actividades, de carácter social e cultural, nin quita nin mingua a preocupación deste goberno por atender aos maiores en aspectos doutro cariz como é a atención persoal e atención social do día a día”.







































