A Consellería de Política Social da Xunta de Galicia acaba de concederlle ao Concello da Estrada a autorización administrativa para a creación do centro de día para persoas maiores. O centro, que contará cun total de 20 prazas, situarase na primeira planta do Novo Mercado. O goberno local pretende axilizar todos os trámites necesarios para poñelo en funcionamento o antes posible.
“Despois de varias notificacións e varios axustes que a Xunta nos mandou facer, por fin nos concedeu esta autorización que nos esixe unhas serie de melloras, como a colocación de varandas, así como cando o mobiliario estea colocado se axuste á normativa. Todo isto será revisado polos técnicos cando fagan a inspección oportuna no centro”, indica Amalia Goldar, concelleira de Benestar Social.
Con este permiso, o goberno local xa se sitúa no punto de partida para facer que o centro de día sexa unha realidade máis próxima, “porque sen este requirimento non podiamos xestionar un servizo senón tiñamos un local que cumpra coa normativa necesaria para a prestación deste tipo de servizos”. A concelleira apunta que iniciarán en breves o procedemento para a súa xestión “na maneira en que sexa o máis beneficioso para os usuarios e evidentemente, para o Concello”, sinala Goldar.
A concelleira confía en que a posta en marcha do centro de día sexa o máis rápida posible. “Porque sabemos da necesidade deste servizo no concello da Estrada e a gran demanda de usuarios que hai”. Xa existe un estudo de custes, que xa se fixo no seu momento, e a idea que ten o goberno local é que o Concello aporte o local e costee os gastos do seu mantemento e o obxectivo é que se oferten uns prezos e unha xestión alcanzables para os usuarios, independente que despois estes sexan beneficiarios de subvencións da Xunta que lles axude a costear este servizo.
Os usuarios terán a posibilidade de asistir en xornada completa, que sería de oito horas, e a priori calcúlase que o custe medio para o servizo completo sexa de ao redor de 600 euros ao mes. Contará con servizo de comedor, transporte adaptado e un programa de actividades todos os días, aínda que segundo as necesidades que vaian xurdindo haberá diversos servizos a maiores, como servizo de podoloxía, perruquería, de rehabilitación…
Ao centro de día, súmaselle a posible creación doutra residencia na Estrada, tras a aprobación o pasado xoves por parte do Parlamento de Galicia, contando co apoio unánime de todas as forzas políticas, a instar á Xunta a crear para o ano 2020 prazas públicas para maiores na Estrada. “Evidentemente, sabemos que o centro de día é moi necesario, pero que estas 20 prazas non acapara nin cobre todas as necesidades dos maiores do noso concello”, afirma Goldar e incide en que é necesario “loitar por unha residencia. Persoalmente e pola percepción que teño destes seis anos ou sete que levo á fronte do departamento, creo que unha residencia de dependentes é o que necesita o Concello da Estrada. Xa temos unha de válidos, e aquí poderíase aumentar algunha praza, pero realmente unha de dependentes cubriría as necesidades do noso concello”, resalta a edil que engade: “O Concello fixo os deberes, o Concello ten terreo público gracias á aprobación do Plan Xeral e Plan Parcial da zona da Baiuca, onde se pode construír unha futura residencia”. A concelleira apunta que se poñen á disposición da Xunta para aportar todo o preciso para poder levar a cabo ese outro servizo tan importante, como é unha residencia. Goldar confesa que non se sabe se sería de titularidade pública ou privada, pero “ten que ter un custe que poida ser asumido polas persoas que necesiten deste servizo, independente da capacidade económica que teñan, xa que hai que garantir a todo o mundo este servizo, que é fundamental”.






































