Coa entrega en vigor da Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, así como a nova Lei de Contratos do Sector Público, as persoas autónomas, as empresas e diferentes colectivos de profesionais viron tornar radicalmente a súa forma de relacionarse coas administracións públicas. Por esta razón, o Concello da Estrada, e en colaboración cos profesionais de Elegal, levará a cabo o día 19 a xornada Os autónomos, as pemes e a administración electrónica. Será ás 19.30 horas na sala de xuntas do viveiro de empresas, sito na primeira planta do Novo Mercado.
A xornada estará impartida por Ofelia Mato e Manuel Varela, economista e avogado, respectivamente, de Elegal. Durante a mesma abarcaranse os seguintes temas:
- O uso do certificado dixital en todas as administracións públicas (Concellos, Facenda, Seguridade Social, AGE, Xunta de Galicia).
- A entrada en vigor da nova lei de autónomos e implicacións na vida cotiá das persoas traballadoras por conta propia.
- Os Puntos de Atención ao Emprendedor (PAE) e máis concretamente o PAE da Estrada aportando información sobre a simplificación administrativa, o acceso rápido á información relevante, axudas, etc.
- E falarán das diversas liñas de axudas e de subvencións que existen para autónomos, emprendedores e pemes.
“Trátase de facer unha xornada dinámica, que sexa máis ben práctica, e que axude a resolver todas as dúbidas que poida haber neste ámbito”, apuntan desde o Servizo de Emprego Municipal do Concello da Estrada.
A xornada será totalmente gratuíta e é aberta a todo o público en xeral, estea ou non empadroado no municipio estradense. Aínda que non é de todo necesario, os interesados poden anotarse previamente a través do enderezo electrónico aedlconcelloaestrada@gmail.com ou chamando aos teléfonos 986 677 740 ou 986 570 030 (extensión 4226).






































