Unha das grandes prioridades do Concello da Estrada son as diversas actuacións de asfaltados que acondicionarán unha cifra importante de viais do rural. “Este inverno foi terrible no que respecta ao mantemento das pistas, sobre todo no rural, e as choivas provocaron, nalgunhas casos un deterioro considerable de viais”, indica o alcalde da Estrada, José López. Agora mesmo están en marcha proxectos de asfaltados dun millón de euros nos que se están realizando xa todas as tarefas de limpeza para poder acometelos. “Esta limpeza, creo que xa está case acabada, inclúe a apertura de cunetas a todo o longo do vial e a limpeza con medios mecánicos e manuais para poder empezar a aglomerar, se o tempo o permite, xa estes días”, indica o mandatario.
Entre as actuacións que se están levando a cabo xa figuran as incluídas en tres proxectos. O primeiro deles abarca as seguintes pistas: Lamas (Igrexa), Vinseiro (Correáns- EP 7016), Rubín (Balseiros PO 7006- O Bede N 640), Berres (Vila do Sol EP 7017- Igrexa EP 7014), San Miguel de Barcala (PO214- Casa do Frade), San Miguel de Castro (A Calzada N 525- O Seixo), Aguións ( Rúa do Muíño- Igrexa), Guimarei (Avenida da Torre), Cora (lugar de Cora, de Carbia e outra pista que vai de Cora a Sieiro), Baloira (As Cruces), Somoza (Igrexa- Castro Ramiro), Callobre (N-640- A Riba) e en Agar (Outeiro). Esta execución conta cun orzamento de 565.000 euros e corre a cargo ao Plan de Obras e Servizos (Plan Concellos da Deputación) 2017 liña 1.
Outro segundo bloque de actuacións afecta ás pistas de Orazo (PO 505- N 640), Baloira (A Igrexa), Frades (Subión- Frades) e en Couso (Sequeiró) por 150.000 euros.
E un terceiro proxecto de asfaltados actuará sobre os viais de Rubín (O Carballal- Cereixo EP2016), Berres (un en Porto e outro que une Ulla e Porto), Santa Cristina de Vea (Nogueira), San Xurxo de Vea (Loureiro de Abaixo) e en Parada (Cruce Entrecastrelo- Vilademeus). Todas estas obras xa se están acometendo por un importe de 240.000 euros.
Os tres proxectos foron adxudicados á Construcións, Obras e Viais S.A. (Covsa).
“A maiores disto, temos un proxecto, que imos publicar en breve, que é tamén de 150.000 euros, que consiste nunha actuación en Ribela, que vai da EP7012 a Vilar, unha en Cereixo, no lugar de Señoráns, unha que vai de Torreboredo a Nigoi, outra en Cereixo, en Viso de Abaixo, e outra en Lamas, que vai da Abelleira á igrexa de Lamas. Este proxecto está para licitarse estes días”, apunta López.
O rexedor tamén sinala que “estamos reforzando a brigada municipal para levar a cabo os bacheos, xa que entre as obras que se van levar a cabo e o bacheo, tendo en conta a situación dos viais, non é suficiente, polo que acabamos de poñer en marcha un contrato, de 40.000 euros, para contar cos servizos dunha empresa que nos apoie no plan de bacheos”. A parte das 30 persoas que o Concello vai contratar a través do Plan de Emprego.
Ademais, acometeranse outras actuacións cos “dous millóns de euros destinados á asfaltados que estamos pendentes do Plan Concellos da Deputación para poder acometelos no verán e moitas desas pistas, que agora mesmo están en peor estado, xa están incorporadas nese proxecto que abarcará un total de 68 pistas”.






































