– O Concello cre que a participación será masiva e oscilará entre as 9.000
e as 12.000 persoas, que son as cifras habituais das últimas edicións
– A lectura do pregón e a imposición dos Salmóns de Ouro e a
degustación popular protagonizarán o programa no día grande da festa
O Concello da Estrada agarda consolidar a masiva asistencia
da Festa do Salmón superando de novo o listón das 10.000 persoas no día grande da
cadraséximo quinta edición, que terá lugar mañá cun programa de actividades que estará
protagonizado pola lectura do pregón a cargo do neurocientífico Carlos Acuña e a imposición
dos Salmóns de Ouro á Coral Polifónica Estradense e á Fundación Casa Ducal de Medinaceli e
pola multitudinaria degustación popular no Novo Mercado e a súa contorna.
O Concelleiro de Cultura, Juan Constenla, amosou a súa satisfacción polas altas cifras de
participación en todas as actividades previas, especialmente no Concurso Internacional de
Pesca do Salmón e na Ruta-Degustación de Tapas polos locais de hostalaría, polo que agarda
que no día grande “se volva acadar unha asistencia masiva que oscilará entre as 9.000 e as
12.000 persoas que se veñen rexistrando nas últimas edicións”.
Neste senso, explicou que as previsións meteorolóxicas, que estiman un día soleado na
Estrada con temperaturas de ata 25 graos, “poden axudar a que esteamos preto do récord de
asistencia ao certame gastronómico, alcanzado no ano 2014 con 12.000 persoas ateigando as
rúas da vila”. “Temos un público moi fiel e consolidado no Salmón que case nos permite
asegurar o éxito da festa, pero é que ademais hai un tirón ascendente polas receitas dos nosos
cociñeiros, como demostra que cada ano teñamos que incrementar as bandexas de pinchos
porque se soen esgotar ao longo da mañá”, significou.
Polo demais, a actividade festiva arrancará a mediodía co acto institucional no Teatro Principal
para a lectura do pregón, a imposición dos Salmóns de Ouro e as quendas de intervención.
Posteriormente, o programa trasladarase ao Novo Mercado, onde unha decena de
establecementos servirán 6.000 petiscos de 20 receitas de salmón que se venderán en
bandexas de dúas racións a un prezo de catro euros.
Todo elo contará con actividades paralelas, como o tradicional obradoiro de montaxe de
moscas para a pesca do salmón, especialmente orientado a deportistas, e as actividades
infantís e a animación musical de rúa a cargo de Carlos Barruso Cuarteto.






































