II Andaina Solidaria co Alzhéimer

A II Andaina Solidaria co Alzhéimer que terá lugar a partir das 19:00 horas do día de hoxe, 15 de setembro. Baixo o lema “os camiños da memoria”, contará con dous percorridos; un de catro e outro de nove quilómetros.
A camiñada tivo unha boa acollida o pasado ano, con preto de 200 persoas participantes, segundo indicou a alcaldesa en funcións, Amalia Goldar, que aproveitou a ocasión para sinalar que o percorrido segue camiños case descoñecidos e que non todo o mundo sabe que forman parte da Estrada e animou á veciñanza a inscribirse na andaina que partirá da Praza do Concello na data sinalada.
Para continuar, deulle paso á presidenta da Asociación Galega para Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer (AGADEA), Isabel Gey, que fixo fincapé dende o primeiro momento na necesidade de dar visibilidade e apoiar tanto ás persoas que sofren a enfermidade, que están preto de chegar ás 100.000 persoas con demencia en Galicia, como aos seus coidadores.
Gey insistiu na importancia de emitir un diagnóstico precoz para poder actuar contra o avance da enfermidade a través de diversas terapias como a de estimulación cognitiva, que se poñen en práctica dende a asociación. Seguindo estas pautas traballan en labores de diagnóstico precoz no casco urbano, en Arnois e en Oca.
Tamén lembrou que a asociación imparte un curso gratuíto para coidadores validado pola Fundación Pascual Maragall distribuido en catorce sesións de hora e media cada unha e cunha periodicidade quincenal.Para finalizar a súa intervención, a presidenta de AGADEA sinalou a falla que fai a apertura do Centro de Día na localidade posto que, insistiu, “existe unha demanda moi grande dese servizo”.
A traballadora social de AGADEA, Sonia Castro, engadiu que con esta iniciativa se persegue conseguir unha marea verde que serva para visibilizar a enfermidade do alzhéimer e invitou aos veciños da comarca a participar na andaina, que estará amenizada coa colaboración do grupo folk Regatos e na que se sortearán lotes de produtos doados polos comerciantes locales.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta