• Colaboran no seu desenvolvemento socios de varios países, entre os que
se atopan empresas, escolas de formación profesional, centros
tecnolóxicos e axentes sociais
• O stand do proxecto acollerá o mércores, o xoves e o venres varias
demostracións dun innovador simulador virtual de vernizados
Os socios do proxecto «Eramus+ FUTUREfacing», orientado á
transferencia de coñecemento no eido dos acabados e os revestimentos, aproveitarán
a 32ª Feira do Moble de Galicia, do 19 ao 23 de setembro, para presentar a evolución
desta iniciativa comezada no ano 2017 e avaliar os resultados obtidos ata a data.
«Erasmus+ FUTUREfacing» xurdiu da necesidade de trasladar ás aulas tódolos
avances e as innovacións tecnolóxicas que as empresas produtoras de acabados e
recubrimentos están a implementar, de forma que se lle facilite a aprendizaxe ao
alumnado e se promova unha maior innovación nos produtos finais.
Nesta iniciativa participan como socios as empresas Finsa e Ilva, as escolas de
formación profesional Rakvere e DXEFPIE, a asociación británica de acabados BCF e
centros tecnolóxicos como CIS-Galicia e CIS-Madeira -sendo este último o impulsor e
promotor do proxecto-.
Estes socios estratéxicos consideran necesario este traballo conxunto porque os
acabados e os revestimentos constitúen un elemento esencial do deseño e a
produción de mobiliario, xa que determinan tanto a estética como características
técnicas e prestacións funcionais, ademais de requerir a revisión de condicionantes
lexislativos referentes á saúde, a seguridade no traballo e o medio ambiente.
«As últimas innovacións en produtos de acabado e revestimento permiten reducir o
impacto ambiental do moble, lograr maior resistencia ao raiado e á abrasión e
satisfacer as esixencias estéticas actuais. Ao mesmo tempo, permiten innovar no
produto final e acceder a novos mercados presentando mobiliario ou elementos de
carpintaría diferenciados», aseguran.
Ao abeiro deste proxecto, os equipos de traballo están a desenvolver actualmente un
manual técnico de acabados e revestimentos, un simulador virtual de vernizado e unha
base de datos de produtos. Precisamente, no transcurso da Feira do Moble
presentaranse os avances na elaboración do manual e da base de datos de acabados
e exporase o simulador de vernizado para que os visitantes poidan avalialo.
Así, o stand de «Erasmus+ FUTUREfacing», que estará situado no pavillón 5, acollerá
o mércores de 11.00 a 14.00 horas, o xoves de 16.00 a 20.00 horas e o venres de
11.00 a 14.00 horas senllas demostracións do simulador virtual de vernizado. Por
outra banda, o sábado ás 12.00 horas está prevista a presentación do proxecto a
cargo de Ana Alzate, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,
e de Montserrat Rodríguez, de CIS-Madeira.






































