O Concello da Estrada, en colaboración coa Escola Estrada de Fútbol Base (EEFB) e os Minicines Central apostan pola proxección de Mi mundial; unha película de corte educativo acerca das aspiracións que albergan os máis novos á hora de converterse nunha estrela no mundo do fútbol.
O filme pretende ser unha radiografía da aspiración de Tito, o seu protagonista, á hora de converterse nun profesional. Unha oportunidade para que a familia poida saír da pobreza, con tódolos cambios que esa pretensión esixe, o que ocasiona que rapidamente deixe de ver un deporte que o apaixonaba como un xogo para enfrontarse a el baixo outro prisma.
A proxección da película está programada para o venres 16 ás 17:00 e ás 19:00 horas, o sábado 17 ás 19:00, o domingo 18 ás 17:00 e o luns 19 e xoves 22, ambos ás 18:30 horas. Tódolos pases terán un prezo de 4 euros.
O filme fai fincapé na idea de que a educación e os estudos son moi importantes para os nenos, segundo explicou Luis Ribadulla, propietario da sala de cine, que afirmou que a metraxe se acerca moito á realidade e resulta ideal para ver en familia.






































