A formación liderada por Mar Branco concorrerá ás eleccións municipais do 26 de maio cunha lista conformada por persoas de perfís moi distintos, tanto académicos como profesionais, para devolver o poder ás e ós estradenses.

Na tarde de hoxe Movemento Veciñal Estradense (Móvete) deu a coñecer oficialmente a súa candidatura para as eleccións municipais, nun acto público presentado polo locutor e cómico Fran Campos. Tras un vídeo inicial no que se puxo de relevo a actuación de Móvete como partido de oposición durante a actual lexislatura, Campos foi desvelando un por un os nomes que conforman a lista coa que a formación veciñal aspira a liderar un cambio progresista.
A concelleira Mar Blanco Casais, reelexida cabeza de lista nas primarias da formación, é a única muller candidata á alcaldía para a vindeira lexislatura. Licenciada en Ciencias Políticas pola USC, realizou tamén un Máster en Xestión Pública, e exerceu durante os últimos catro anos como portavoz da formación no Concello, realizando unha oposición moi crítica contra as políticas de José López, ao que acusa de “malgasto e mala xestión” e “que tan só vela polos seus intereses persoais e non polo de todos os estradenses”.
Mar Blanco lembrou que Móvete é a única formación que durante a última lexislatura traballou por resolver os problemas reais da xente, e asegurou que a súa é “a mellor candidatura, preparada para liderar un cambio progresista de esquerdas”. A súa lista está conformada por persoas con traxectorias moi diferentes, pero aos que une o desexo de participar nun proxecto de garantías que traballe por un Concello que se preocupa dos problemas da cidadanía. A candidatura elaborouse tendo en conta a traxectoria profesional e política dos seus integrantes, o que deu como resultado unha lista “cargada de experiencia, preparación e ilusión”. “Somos unha candidatura chea de persoas solventes, responsables, honestas, con ilusión e con ganas de traballar dende o goberno por unha A Estrada renovada e próspera”.
“Quremos gobernar para facernos cardo dos problemas actuais e anticiparnos aos futuros, porque Gobernar é ser realistas e saber xestionar de xeito eficaz e eficiente os recursos que hai, saber priorizar, atender o urxente, pero tamén antepoñerse aos problemas futuros”.
O segundo posto da lista ocúpao Iván Sanmartín Eirín. Licenciado en Dereito pola USC, exerce como avogado no seu propio bufete desde 2004, ademais de traballar como asesor xurídico para a asociación Rapa das Bestas e organizacións como Saúde Mental Feafes Galicia ou o Sindicato Labrego Galego. Durante a súa intervención no acto de presentación, Sanmartín destacou o seu interese por frenar a perda de poboación no rural, e púxose como obxectivos “apoiar e facilitar as cousas aos pequenos productores agrícolas e gandeiros, o fomento do cooperativismo, así como liderar unha transición forestal atractiva desde o eucalipto cara especies autoctonas que xeren riqueza”.
Como número tres irá Ana Lanevschi Puente, canadense de ascendencia galega, que traballou como veterinaria en Canadá, Estados Unidos, Países Baixos e Inglaterra, e tamén no mundo docente, na facultade de medicina veterinaria en Canadá, e na industria farmacéutica. Ana retornou á Estrada hai uns anos para traballar no sector da agricultura ecolóxica na súa leira no Val do Ulla. Na súa opinión, o obxectivo de Móvete debe ser “tomarlle o pulso á súa cidadanía e buscar conxuntamente solucións co fin de conseguir un rural vivo e un núcleo urbano dinámico, e reflectir esta relación próxima coa cidadanía no seu goberno”.
Lorenzo Chedas Redondo (4), é graduado en Xornalismo e diplomado en Educación Primaria. Obtivo o Premio Extraordinario de Fin de Carreira da Xunta de Galicia e actualmente traballa como mestre de educación primaria. Lorenzo, que xa formou parte da candidatura de 2015, afirmou que “durante estes últimos catro anos, o goberno de José López navegou coa mesma incompetencia que de cotío, terminando por deixar completamente á deriva ao pobo estradense”. Segundo dixo, “con este PP, a igualdade de oportunidades é unha burla macabra, e debe porse punto e final ao seu patético espectáculo”.
Enrique Reboredo Durán (5), membro do Grupo de Emerxencias Supramunicipal da Estrada e técnico en Emerxencias Sanitarias en Ambulancias do Nordés; e Antía Expósito Guerrero (6), moza activista polos dereitos da muller e polo medio ambiente, pertencente á parroquia de Callobre, pechan o seis primeiros postos da lista.
A lista continúa con Dolores Rey Bernardez (7), graduada en protésico dental, que durante anos exerceu diversos labores profesionais no municipio; Carlos Fernández (8), traballador da Oficina Comarcal Agraria; o profesor de secundaria e licenciado en Economía Gregorio Durán Sánchez (9); María Chedas Camba (10), de Ouzande, monitora de actividades físicas e programadora; o avicultor Manolo Blanco Casais (11); o mozo suízo e graduado en Ciencias Políticas Adrián Huseinni Pisos(12); a docente e licenciada en Filoloxía Francesa e Galego-Portuguesa, María Teresa Iglesias Yugat (13), natural de San Miguel de Castro; e José Ignacio Reino Rubira (Naso) (14), xubilado de banca e referente do Club Deportivo Estradense.
Integran o resto da lista a moza Lara Blanco Fernández(15), graduada en Educación Social e colaborada en diversos proxectos de cooperación ao desenvolvemento e voluntariado; o topógrafo Miguel Ángel Touriño Moreira (16) natural de Sabucedo; María Jesús Sánchez Luces (17), Oficial do Rexistro da Propiedade e vinculada desde hai anos ao mundo do teatro e ao ámbito cultural do municipio; Mario López Payo (18), experto no sector do turismo e profesional neste durante anos; Manuel Sangiao Camoira (19), emigrante retornado e veciño de Figueroa; a activista polo feminismo Nerea Sanmartín (20), de Ouzande; e pecha a lista o veciño de Codeseda, José Bugallo (21), economista e traballador na administración local. Como suplentes, Móvete conta con María Alejandra Godoy, venezolana filla de emigrantes estradenses; Jesús Manuel Figueroa, de Loimil; e Silvia García Coto, da Estrada.
No acto presentouse tamén o novo logotipo da formación, continuista co anterior, pero co que Móvete quere facer unha alusión directa ós montes que dan vida e sentido ó rural estradense, tristemente esquecido polo actual goberno.
O acto rematouse coa actuación do grupo local Plan Siberia, que interpretou para os presentes a que será a canción oficial da candidatura de Móvete para as eleccións municipais de maio, A peza “A Estrada”, incluída no segundo disco da banda, Volboretei. A canción é unha clara homenaxe ao municipio e fala acerca do orgullo de sentirse estradense, algo que desde Móvete queren destacar para evitar que o Concello continúe en mans “dun goberno local que está a deixar escapar as oportunidades”.






































