Xosé Magariños: “as presas non son boas conselleiras e iso lévaos a vulnerar a lei electoral que prohibe taxativamente realizar anuncios de proxectos, como acaba de facer o grupo de goberno e o alcalde os días 29 e 30 de marzo”

“Ao PP véñenlle agora as presas por facer anuncios”, afirmou o concelleiro do BNG e candidato á alcaldía, Xosé Magariños. “Xa o dixemos non hai moitas semanas, o PP non ía dar feito despois de pasar catro anos sen facer nada”, engadiu, “mais as presas non son boas conselleiras e iso lévaos a vulnerar a lei electoral que prohibe taxativamente realizar anuncios de proxectos, como acaba de facer o grupo de goberno e o alcalde os días 29, 30 e 31 de marzo, nos que se anunciaban os asfaltados de 43 pistas por valor de 1,1 millóns de euros, a construción dunha pista de atletismo na AGASP e a creación dun plan parcial para crear solo industrial público en Toedo”.
“O artigo 50 da Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral establece claramente que, unha vez están convocadas as eleccións, neste caso as Xerais, queda prohibido realizar calquera acto de inauguración de obras ou servizos públicos ou proxectos destes, calquera que sexa a denominación utilizada, sen prexuízo de que as citadas obras ou servizos poidan entrar en funcionamento no citado período”, explicou o concelleiro nacionalista.
“Ao noso entender”, indicou Magariños, “eses anuncios, son electoralistas e son innecesarios para para a mellora da xestión dos servizos públicos, e baixo a aparencia de subministrar información aos veciños e veciñas da Estrada consideramos que as actuacións descritas infrinxen o deber de neutralidade dos poderes públicos en período electoral”.
“Neste sentido”, explicou o concelleiro e candidato do BNG, “vimos de presentar unha denuncia na Xunta Electoral de Zona para que esta inste ao goberno municipal da Estrada, así como ao seu alcalde, a que non sucesivo se absteñan de realizar anuncios de índole semellante”. “Como dixen antes”, engadiu, “o concello é de todas e todos, e a institución ten que ser neutral en todos os comicios electorais”.
—
BNG da Estrada






































