
Susana Camba: “Este vial de titularidade municipal atópase nun estado lamentábel, que non respecta os mínimos estándares de seguranza vial”
Os veciños e veciñas do Souto de Vea trasladaron aos responsábeis do BNG a súa queixa polas condicións nas que se atopa o vial que atravesa este lugar semi-urbano do val de Vea. En concreto, os veciños e veciñas quéixanse da nula sinalización horizontal deste vial.
A concelleira do BNG, Susana Camba, explicou que “as condicións deste vial, que forma parte dos viais ao coidado do concello, atópase nun estado lamentábel, que non respecta os mínimos estándares de seguranza vial”. “As liñas que dividen os dous carrís non se ven”, engadiu, “e o único paso de peóns está tamén despintando e, o que é peor, acumula auga, formando un enorme charco nos días de choiva”.
Susana Camba afirmou que “é clamoroso o abandono deste vial por parte do concello, hai anos que non se pinta e calquera condutor ou condutora ten serios problemas para ver por onde vai o seu carril, así como ver con claridade as zonas de aparcamento”. “Urxe unha intervención do goberno municipal neste vial”, explicou, “non é razoábel deixar que os centos de condutores que utilizan a tentas este vial vaian a tentas e moito menos que os peóns vexan perigar a súa integridade física por un paso despintando e que por riba acumula auga cando chove”.
Por outra parte, a concelleira do BNG indicou que “este goberno do PP ten unha nula sensibilidade en todo o que ten a ver coa mobilidade, o que pasa no Souto de Vea non é a excepción, é a norma na que viven os veciños e veciñas do noso concello, sexan da vila ou do rural”.






































