
O PSOE non se sorprende de que o goberno municipal fora
incapaz de aprobar o orzamento municipal en prazo “como obriga a lei”.
Luis López Bueno valorou que “practicamente todos os anos acontece o
mesmo, hai unha falta de xestión evidente. É inadmisible que o PP, con
maioría absoluta, non fora capaz de aprobar o orzamento en decembro.
Outras administracións que están gobernadas en coalición si conseguiron
aprobalo en prazo e xa están funcionando. Na Estrada imos tarde e iso
provoca que os veciños e veciñas non gocen de investimentos”.
O voceiro socialista valorou que “se non hai orzamento non sabemos se
este goberno aplicará a RPT en 2020, como lle están a recomendar.
Tampouco sabemos que investimentos se van a realizar nin que servizos se
van a prestar. Deben ve “unha única explicación, e non é outra que a falta
de proxecto para A Estrada. Hai que remarcar que o goberno municipal ten
todas as facilidades formais para aprobar o orzamento en prazo, logo o
motivo de non facelo ten que ser de fondo. O PP carece de proxecto para A
Estrada e non sabe onde investir os fondos dos que dispoñen”.
Dende o PSOE manifestan que “A Estrada executará un orzamento
aproximado de 20 millóns de euros, estaría ben que o goberno o fixera
público canto antes. Os cidadáns queren saber como o goberno do PP lle vai
a devolver os seus cartos, non saben por que se lles mantén oculta esta
información”.
López Bueno manifestou a súa preocupación pola mala xestión do goberno
municipal, “ademais de non ter orzamentos, non se está a aproveitar o
financiamento que nos prestan outras administracións e que xa está
dispoñible e podería estar executándose. Por exemplo o Plan Concellos 2020
da Deputación de Pontevedra. Os prazos están correndo e Deputación puxo
a disposición do Concello da Estrada máis de 1,5 millóns de euros dos que o
PP aínda non investiu nin un só euro. Tan só se presentaron algunhas
facturas na liña 2 do programa. No mellor dos casos, quedan por executar
1,430.000 €”.
Os socialistas opinan que “o goberno debería ter xa un calendario coas
actuacións que pretende realizar en 2020, porque están a correr o risco de
perder o financiamento desas administracións que si teñen orzamento. Case
acontece co Plan Concellos 2017, que se rematou de executar sobre a
bucina e coa documentación xustificativa mal presentada. O PP debería ser
máis serio, no canto de xestionar, está xogando cos cartos de todos e todas
as estradenses”.
O PSOE recomenda “unha aposta decidida por políticas activas de emprego
e por deseñar unha política industrial e para o comercio. Esas iniciativas
permitirán fixar poboación, facilitar o crecemento da nosa industria e
ademais axudar ao comercio local”.
López Bueno recordou que “este goberno suspende sistematicamente en
promoción económica e emprego. Os datos son claros, dende que López
Campos asumiu o goberno temos menos veciños e veciñas, menos
traballadores e traballadoras, e tamén menos tecido industrial. Ademais, a
nosa industria depende case en exclusiva dun sector, e iso non deixa de ser
un risco. Este goberno non sabe xogar as súas cartas, e o resultado das
súas derrotas estámolo a pagar entre todos”.
Ademais, o voceiro valora a política de investimentos do PP á que tacha de
“derroche”. “As infraestruturas do rural carecen do mantemento axeitado, e
as actuacións que se fan están a financiarse con cartos da Deputación de
Pontevedra. O goberno non mira o suficiente para o rural e cada mes que
pasa, as actuacións necesarias serán máis caras”.
López Bueno sentenciou que “o goberno está a vivir de anuncios que non
chegan a concretarse, e se o fan, sempre chegan tarde. Temos servizos
insuficientes como a Residencia de maiores, caros e infradimensionados,
como o Centro de Día, ou inexistentes, como un servizo de transporte baixo
demanda que conecte mellor o rural co casco urbano”.






































