O PSOE PROPÓN MOBILIZAR 500.000 € PARA O CONSUMO NO COMERCIO LOCAL

O PSOE propón varias medidas para inxectar liquidez no tecido
produtivo da Estrada e para dinamizar o consumo no comercio local unha
vez se levanten as restricións ás actividades comerciais. Segundo López
Bueno, “a industria precisa liquidez para continuar coa súa actividade
normal, e cando o comercio retome o traballo, será necesario reforzar os
incentivos ao consumo no comercio local”. O voceiro tamén considera que
“o Concello da Estrada vai moi por detrás doutros nos que xa se aplican
medidas para resolver estes problemas. Pódese discutir sobre as iniciativas,
pero para iso debería haber propostas do Goberno”.
Os socialistas propoñen artellar un sistema de vales de compra para as
familias cuxo obxectivo é “mobilizar o consumo no comercio de
proximidade”. O voceiro socialista explica que “estes vales de compra serían
promovidos polo Concello, e o seu obxectivo sería mobilizar cando menos
500.000 euros de consumo nos comercios da Estrada”. Avanza que “débese
valorar o sistema de financiamento, se o Concello financiaría o 100 % do
custo ou unha parte menor. No caso de compartir financiamento, a
mobilización económica sería maior”. En calquera caso, López Bueno afirma
que “é unha medida con grande acollida polo comercio, e o sistema para
aplicalo non é descoñecido”.
López Bueno valora que “inxectar eses fondos no circuíto do comercio local
garante que os comercios terán actividade e alivia unha posible caída do
consumo. Ademais, os cartos continuarán circulando na Estrada unha vez
remate a aplicación da medida”.
O voceiro socialista advirte que “aplicalo dende o Concello pode ser
complicado, por iso cómpre estudar detidamente cal é o encaixe normativo
que respalde a iniciativa. En calquera caso, a proposta precisará de
informes técnicos, parécenos unha boa base sobre a que construír. Depende
da vontade política atopar unha fórmula para levar a cabo o espírito da
iniciativa”.
López Bueno indica que “os vales terían un sistema de liquidacións
periódicas para que a carga económica non caia sobre os comerciantes” e
fai fincapé en que “esta proposta está dirixida tanto aos comercios da vila
como do rural”. Explica que “ademais disto, débense buscar outras medidas
que axuden a aqueles negocios dentro da hostalaría e o turismo, cuxa
actividade previsiblemente estará máis restrinxida”.


Ademais os socialistas valoran que “haberá que buscar mecanismos para
priorizar o acceso das rendas máis baixas a eses vales de consumo” e
admite que “é complicado porque a carga administrativa debe ser asumible
polo persoal do Concello”.
O voceiro tamén afirma que “segundo temos falado co tecido empresarial,
existen problemas na velocidade de tramitación dos créditos ICO que están
solicitados”. Os socialistas propoñen que “se poña a capacidade económica
do Concello ao servizo das empresas, para que afronten con máis
tranquilidade os pagos de nóminas aos traballadores e aos provedores”. Os
socialistas propoñen “unha liña de anticipo dos créditos que estean
solicitados nunha porcentaxe do total”. Para López Bueno esta medida está
encamiñada a “resolver os problemas que sofren as empresas pola
tramitación desas soicitudes”.
O líder dos socialistas indica que “a liña de anticipo non suporía custo para o
Concello, se non que recuperaría o esforzo económico coa devolución
posterior” e que “debería acompañarse de medidas de promoción
económica no futuro”. Tamén indicou que “será necesario consultar
formalmente aos solicitantes de créditos ICO para valorar cantas empresas
se acollerían ao réxime de adianto, dese xeito garántese que a medida teña
acollida e pódese medir mellor que recursos son necesarios”.
Para a situación posterior ao confinamento e a súa posible repercusión nas
familias, os socialistas valoran que “é pronto para facer propostas porque
aínda descoñecemos cal será o impacto real sobre o emprego, e polo tanto
non se poden realizar propostas con garantías”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta