O departamento de Emprego e Orientación Laboral do Concello da Estrada está a facer un estudo científico para avaliar os efectos do Covid-19 sobre as persoas traballadoras e desempregadas da Estrada e o seu contorno.
O obxectivo é atopar evidencias que permitan desenvolver accións específicas tanto no ámbito laboral como formativo que se poidan implementar na Estrada e o seu contorno, adaptadas á casuística concreta que queda no noso municipio despois do impacto da pandemia, para deste xeito, conseguir que a incorporación ao mercado de traballo das persoas en desemprego sexa maior.
No caso do estudo con persoas traballadoras tratarase de medir factores como índice de teletraballo; conciliación familiar e aproveitamento laboral.
O estudo elabórase en colaboración e baixo a supervisión da Facultade de Relacións Laborais e Recursos Humanos da Universidade de Santiago de Compostela.
Este estudo non ten ningunha finalidade lucrativa nin propósito comercial e a participación é totalmente anónima e voluntaria.
O cuestionario está composto por dúas seccións e contéstanse en 5-10 minutos.
O enlace ao cuestionario encóntrase na web emprego.aestrada.gal e na páxina de facebook www.facebook.com/emprego.aestrada






































